Anunciación

Máis que ao coronavirus témolle a un apagamento total que impida o acceso a internet. Que sería da poboación mundial de interromperse esa maraña de relacións virtuais? Podo imaxinar os gabinetes psiquiátricos  colapsados e sen capacidade para remediar os efectos de tal desfeita: meniños con perrenchas, adolescentes sen uñas e adultos tocados na súa benquerenza emocional. Estes días de reclusión forzosa boto conta de que unha horiña ou dúas andamos co trebello na man, e sabédelo! Se cadra abusamos das chamadas TICS pero as almas solitarias agradecemos sentir a presenza virtual doutros seres humanos. Iso si, cando superemos esta crise a guindar os móbiles para abrazar e bicar coma a xente.

Alguén anda por aí e non o ves, está á espreita desexoso de comunicarse contigo: «Alédate!, chea de graza, o Señor está contigo. Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel”. Antonte souben o efecto de sorpresa e alegría que causa unha chamada inesperada. O destinatario distraído nas angueiras da casa pasa da estrañeza a ledicia e adoece por satisfacer a quen está do outro lado e chama. A mociña de Nazaret tampouco contaba coa presenza do espírito celestial.

“Non teñas medo, o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles”. María non manexaba trebellos sen fíos pero tiña datos ilimitados para conectar con Deus. Hoxe atrévome a facervos unha recomendación: que non se deteña a comunicación con Deus. Amigos, nestes tempos contaminados, protexámonos dun contaxio perigoso con síntomas de insensibilidade espiritual, e conectemos entre nós para non esmorecer e manter a cobertura.

Deus en María deunos o contrasinal para permanecer por sempre conectados.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

Pin It