Cando me mandaron a escola tiña tres anos e pico. A escola de Barazón, nome da miña parroquia, estaba no centro da aldea e nela vivía a mestra Dona Lola coa súa familia. Unha mestra excepcional e respectada, desas que empregaban a regra para medir a tolerancia á dor dos seus alumnos. Os venres rezabamos o santo rosario e ensaiabamos algunha canción de misa e outras que non o eran. Bos tempos aqueles nos que con fachenda entoabamos “los niños de Barazón”.

Funcionaba o transporte escolar do coche de san Fernando, no seu traxecto facía parada na ponte do río Furelos. A xornada partida, mañá e tarde, obrigaba a percorrer o camiño dúas veces. Sempre na compaña de meu irmán Miguel, ben abrigados e con cubrición arrincabamos para andar o camiño. Algúns días collíamos un atallo: o da Casa do Cura ou o da Camposa e, con sorte, de cando en vez, o carteiro achegábanos no seu seiscentos, un coche con alma e con aroma a carta.

Arredor de semana santa facíase o cambio de zapatos a zapatillas. No mes de xuño baixábase o pistón e as tardes quedaban liberadas, tempo que se ocupaba preparando os exames finais ou subindo ás cerdeiras. Rematada a escola participabamos nos campamentos de verán onde se impartían clases de sachar o millo, sulfatar as patacas ou gardar as vacas.

Outro centro de actividade atopábase na igrexa. Os venres partido de fútbol a carón da igrexa, nos Castros, e confesións. Os sábados catecismo e partido de fútbol. Os Domingos misa, casa e partido despois de xantar.

Casa, escola, igrexa. Nacín na aldea e eduqueime nos costumes de antes.

O son das campás da igrexa de Barazón poñen ritmo as vivencias de varias xeracións de veciños. Os Domingos espertaba co seu repique que chamaba á misa. Polas festas as badaladas estouraban de ledicia mais eses risos mudaban en laios que falaban de morte. Segundo choraran as campás tratábase dun home ou unha muller e a xente botaba conta de quen sería. Morreu fulano! E interrompendo o que se tiña entre mans expresábase respecto polo finado.  As campás dobraban os días que durara o velorio e durante a procesión cara a igrexa aceleraban o seu ritmo.

Todos os maiores recibían o trato  de señor, un matrimonio sen fillos que vivían en fronte da miña casa eran o señor Vitoriano e a señora Dolores. Dona Lola a mestra, e Don Camilo que así se chamaba o señor cura... e “buenos días tenga usted” xa sabedes.

Eses recordos falan de educación e respecto cara aqueles que nos deron a vida e os medios para vivila.

A aldea capacita para entender e valorar as cousas vellas, o de antes, aos Maiores. Os novos tempos trouxeron moitos adiantos pero roubáronnos as aldeas e con elas un xeito de vida.

“Descoñecen os misterios de Deus, non esperan o premio da santidade, nin cren na recompensa dunha vida sen tacha”.

É suficiente a ciencia, o progreso, a modernidade para coñecer verdadeiramente o profundo misterio da persoa e das relacións humanas? Necesitamos ir máis aló dunha primeira ollada e dos nosos esquemas mentais. Necesitamos os ollos da fe.

Endexamais cortemos o vencello que xunta pasado e presente.

En recordo e agradecemento aos nosos maiores.

Emotivas e infindas grazas.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It