Coñezo o título dunha obra de autor anónimo “Murmurios galegos”. O autor condena as malas linguas, é dicir, eses que critican algo ou a alguén sen coñecelo o suficiente. Imaxino que o título pon sobre a palestra o vezo de botar a lingua a pacer como unha práctica habitual entre as nosas xentes. O de darlle a lingua representa na actualidade un traballo ben remunerado nas ondas televisivas, nas principais canles cuxa liña editorial consiste en falar e falar. Os estudios onde gravan e emiten os programas máis vistos veñen a ser as eiras e as prazas de sempre. As grellas de programación reproducen fielmente o “Mentireiro Verdadeiro” que recolle datas e lugares das feiras da xeografía galega. Feiras concorridas de laretas que esbardallan sen parar. 

Que pensar dos grupos políticos e dos seus representantes? Máis do mesmo: tránsfugas da verdade, badulaques preocupados por acaparar o poder, corruptos de  chequeira con garabata ou de camisa arremangada.

Aplicable o destas liñas de enriba a outros colectivos. Aí o deixo.

E os cidadáns de a pé gustamos de viaxar polas redes sociais apestadas de mentiras e de identidades falseadas onde cada quen di o que quere. Liberdade de expresión, ja!. Palabras novas  para antigas realidades.

 “Algúns falaban de oídas sobre Xesús ao que Nicodemo preguntaba: -¿Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investiga-lo que fixo?”

Falar sen coñecer ou de oídas, xulgar polo que outros din. Declaro o meu escepticismo cando falamos de que este bichoco vai traer cambios nos nosos costumes. “Cambiar o mundo amigo Sancho, que non é tolemia nin utopía, senón xustiza”.

Dos ditos aos feitos.

Fecharon as feiras e recolléronse as linguas.

Polo amor de Deus! que cada quen domestique a súa conciencia e debuxemos unha nova realidade.

Fin desta pasaxe: “E fóronse cada un para a súa casa.”

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It