Todo transcorre con aparente normalidade, un está entretido e inmerso nas labores cotiás, buscando resolver os compromisos marcados na axenda, cando da forma e do medio máis inusitados recibes a nova. Grave, crítico, irreversible, mesmo letal, adxectivos que che volven a faciana vermella e te poñen a tremelicar. A morte dun achegado, xunto cos seus previos, comporta a experiencia máis aciaga e desconcertante, cargada de abatemento e inmensa morriña.

A mediodía soou o móbil e entrei en estado de alerta.

Ao solpor soou de novo...

Que esta vida termina é algo sabido por todos, pero teño o convencemento de que coa morte non conclúe todo. Ante a despedida dun ser querido recorremos á fe ou a frases feitas ca intención de aliviar e acompañar a quen sofre. Damos o pésame. Os que temos fe deixamos que saian da nosa boca murmurios que falan de confianza en Deus e de resurrección. Que a vida remate coa morte non quere dicir que sexa propiedade da morte. Morrer é entrar en estado de repouso namentres se agarda o reinicio para sempre.

Estes días despedimos alarmados a moitos enfermos, Lázaros, irmáns nosos na fe.

Bagoas e xemidos, salaios e berros de impotencia describen a dantesca escena dun final irreversible. Os galegos acostumamos velar o cadáver dos nosos, ao pé do féretro choramos, estreitamos os lazos de amizade que nos reconfortan e rezamos. Canto se agradece a compaña dun bo amigo, dunha mirada cómplice e dunha man firme.

No teléfono unha voz entrecortada confirmaba a pasamento dunha amiga.

Neste estado de illamento a dor pola morte dun coñecido intensifícase. Dende este silencio enxordecedor erguemos os ollos a Deus pedíndolle que os mortos saían do confinamento da sepultura para camiñar polas sendas da vida nova.

“Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches... Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.”

Na honra e memoria de Amparo, Misioneira do Divino Mestre.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It