Estes días recibo unha chea de visitas. A casa dos recordos ten abertas as portas vinte catro horas. A vivenda énchese de xente. Pola porta de atrás entran as visitas inesperadas, recubertas con roupas de soños. Pola porta principal chegan as coñecidas, ataviadas con vestimentas correntes.

A soidade, inmellorable anfitrión, vai enumerando o nome dos presentes e convida a sentarse a parolar. No gran salón do tempo non hai lugar para o tedio. Acomodado na cadeira das horas veñen a saudar lembranzas do pasado e arrímanse inquietudes destes tempos. Caída a noite todos marchan. Piden paso os convidados da última fila, pasaron todo o día desapercibidos, agora é o seu momento. Noites largas que pelexan ca almofada entre xemidos de queixa e suspiros de amor.

Os amores da miña vida chegan con moitas ínfulas e insisten unha e outra vez en ser os protagonistas da festa. Eu téñome por persoa tolerante e con gusto non lles recrimino a súa pretensión. “Ama e fai o que queiras”. Eles saen e ventilan o agachado, espallando no pensamento fragrancias doces sen data de caducidade. A luz do sol baña de realidade e sentido común toda a casa. E botamos man da caroza da cautela.

O servicio de limpeza recolle a miña casa desarranxada, que din os doutores de limpar as feridas para eliminar os xermes. Ollo! Non acabemos con outros microorganismos invisibles e imprescindibles para a felicidade.

Non deixemos que os perigos e dificultades sexan os nosos convidados de honra.

Todos tomamos decisións. A miña? Nunca deixar acurrunchado o que amo. O perigo de non ter amor precipítanos cara os xuízos temerarios petrificando por enteiro o corazón.

Unha muller ante o tribunal dos homes é acusada e condenada por adulterio. Xesús aproveita o enredo para dar unha lección de amor.

“Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra”

Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?

Tampouco eu te condeno: vaite e desde agora non peques máis.”

E o amor instalouse na sala de estar daquela muller, liberada da culpa imposta polo rancor do home, charlaría de cote con aquel recordo.

Non quero despertar!

A primavera florece e adiántanos o sentido máis fermoso e pleno das nosas vidas: o Amor.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It