Nas películas de medo o espectador está exposto a múltiples sorpresas. O argumento non responde a ningún patrón e os minutos corren entre estrañezas e calafríos. Os filmes deste xénero aprestan un susto final para deleite do confiado público.

Cada día vexo máis similitudes entre a pandemia vírica que sufrimos e unha peli de terror das malas.

Argumento: “nun laboratorio uns biólogos estudan as mutacións xenéticas dun virus capaz de replicarse no seo de células vivas inespecíficas, tanto de animais coma de humanos. Un accidente fortuíto libera e disemina finalmente o axente infeccioso. A loita acelerada para evitar a súa expansión tópase de fronte cos intereses espurios do laboratorio clandestino que, ademais, mantén contratos millonarios cun goberno dunha superpotencia mundial. A situación é límite. Os contaxios superan as previsións e traspasan fronteiras. A meirande parte dos gobernos, apoltronados en discusións improdutivas, non teñen capacidade de resposta. Xorden iniciativas particulares, os sanitarios son aclamados como heroes e a cidadanía manéxase entre o temor, a impotencia e a incerteza do porvir. Os medios de comunicación refrescan puntualmente o número de baixas, e retransmiten as medidas extraordinarias que os gobernos van improvisando. O mundo paralízase. Aplausos. Mañá volta a empezar. O desenlace anda roldando.”

Eu prefiro o cine de acción ou suspense, con final previsible e feliz.

"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.”

“Namentres a industria farmacéutica mundial avanza nunha posible resposta terapéutica á pandemia, uns mozos galegos ensaian con éxito en humanos a vacina que rematará co sufrir dos pobos, e do espectador.

Bautizouse o remedio co nome de X33.”

“Cando ergades ao Fillo do Home, entón comprenderedes que Eu son”

Xesús morreu na Cruz, por medio del recibimos a vacina que nos salva.

Fin.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

Pin It