É verdade, son un tipo maniático para os olores. Aborrezo o queixo dende neno. Os queixos curados, duros coma pedras que maduraban no medio do millo, eses desprenden un cheiro insoportable, para min. Un caixón ou a despensa vólvense lugares hostís cando neles se deposita o amarelo alimento. Que dicirvos da tía pesada que sempre che repetía o mesmo: e como sabes que non che gusta se nunca o probaches? Negrexaba!

Con máis agrado penso no frasquiño de colonia que tiña de neno. Os típicos de plástico de cor rosa pau ou azul verdoso que cichaban ao apertares.

Co paso do tempo, unha chisca consentido, merquei algunha fragrancia das caras. Debilidade humana.

En canto o olfacto... Imaxinade unha vaca recen parida uliscando na cría. Estampa de aldea en estado puro que demostra a importancia deste sentido con apéndice nafro. Os animais identifícanse polo seu cheiro, incluso os chamados humanos quedamos vencellados á quen nos pariu polo olor. Instinto maternal, que se di, en canto ese nexo que une intimamente nai e fillo. Refiren as mais que os fillos son parte delas. Esta conexión perdura no tempo. Unidos de por vida a través dunha chea de conexións emocionais e espirituais: o roce pel con pel, o alento, a mirada, o olor corporal, etc. fixan na memoria unha pertenza de por vida.

Cada quen posúe o seu olor corporal... que importante a hixiene! En resumo: o olfacto ofrece en estremo sensacións moi curiosas e únicas que facilmente asociamos ás persoas ou a vivencias xa acaecidas.

“Entón María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume.”

Unha fragrancia de moitos cartos envolveu a estancia. Un momento marcado polo aroma. Imaxinade comigo. Recendo fresco e profundo, a mar. Limpo e suave, a inocencia. Largo, discreto e vital. Cálido e madeirado. Perfume de nardo con matices orientais.

Inesquecibles as experiencias que entran polos sentidos e se fixan na memoria das papilas. Algúns perden esta capacidade sendo inoperante a conexión entre olfacto e cerebro, incapaces de asociar experiencias e olores. Disque as mulleres en xeral teñen o olfacto máis fino.

María de Betania súmase a esa ringleira de mulleres e homes cativadas pola esencia de Nazaret. Xesús deixa pegada fonda alí onde vai, quen roza con El queda impregnado da súa fragrancia de salvación.

Cuestión de instinto!

Traballa a sensibilidade para que a túa vida non se contamine co cheiro da cobiza e dos cartos.

Segue o ditame da túa napia!

“Eau de sainteté”

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It