Quiñentas pesetas.

Por aquel entón había pouco tráfico e respirábase un ambiente libre de contaminación. Contabamos os coches que pasaban por diante da casa e xogabamos a adiviñar a súa cor.

De cor azul e ca imaxe dunha dona elegante e distinguida, dona Rosalía de Castro, así era o billete de quiñentas pts. Gústame a abreviatura de peseta, por iso escribín pts. Hei falar, tamén, da baixa polución no tocante ao tráfico de billetes.

A casa do Zapateiro e a Casa do Ferreiro. Á do Zapateiro ías pola fariña ou buscar unha onza de chocolate, e á do Ferreiro polas sacos do sal ou de cemento. Á hora de botarlle unhas tapas aos zapatos ou mercar un fouciño non supoñía dilema algún. Cos do Ferreiro tiña menos roce a pesares do futbolín que nas vacacións de verán colocaban na palleira. Cada partida dúas pesetas, das douradas, con gravado do busto de O Caudillo. Nove bolas e, lume!

Xullo e agosto recibían as visitas dos que emigraran. Viñan os nosos tíos de Barcelona e tamén os de Vigo. A meu primoe vigués, Carlos, téñoo desafiado en máis dunha volta e sempre co mesmo resultado: gañaba por goleada a troula e as risas.

Era sábado e estaba sen branca. O demo tentou ao meu pai cando lle pedín cinco pesos, pois deume quiñentas pesetas. O demo volveu facer das súas comigo porque gastei e gastei ata quedarme cunhas arandelas. Non lembro o marcador. Hoxe río convosco a astucia do arteiro que me deu aquel billete azul para probar a miña responsabilidade.

 

El: “Oíches. E as voltas dos cartos que che din?

Eu: Douchos mañá.

(silencio incómodo)

El: Xa falaremos ti máis eu.”

 

Daquel tropezo saín escarmentado e aprendido. Non foi o último, pero xa sabedes, a base de golpes tamén... iso.

“Entón foi un dos Doce, chamado Xudas Iscariote, onda os sumos sacerdotes e díxolles: Canto me dades se volo entrego?

Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.”

Persistir no engano supón sempre un exercicio de alto risco. A verdade vai sempre de cara e dáche tranquilidade. Non se dilapidan os cartos, malgástase ou rompe a amizade, a esperanza, a honestidade, a xustiza, o amor… Algo escacha por dentro cando mentes porque no fondo traizóaste a ti mesmo, non? Cando rompemos con algo que nos deu a vida, que nos regalou un proxecto e unha ilusión e un horizonte… bágoas!

Peor é non ser capaz de parar cando a tristeza ou o desazo interior murmuran... equivocácheste.

Perdón, Señor!

Estamos a tempo.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

Pin It