Mañá recollemos o año e, de paso, mercamos unhas ameixas e pescada. Quen leva á Ponte o amoado para as empanadas? Que non esqueza o biscoito! Froitas, produtos da horta e os doces, feitura dalgunha veciña ou dalgún convidado, completaban a abondosa e variada mesa. Por certo, nunca fallaba a tarta xeada que se recollía na do Zapateiro á hora exacta pois aínda non había conxelador.

Armábase un bo zafarancho. Provistos de vasoiras, fregonas, trapos, cubos etc. atacabamos paredes, piso, mobles, banquetas, cadeiras e todo canto se puxera por diante. Mantas e cobertores pasaban polo río. Limpa como unha patena toda a casa recendía a frescura. Vésperas de festa.

Non había lugar á improvisación. O primeiro día da festa erguerse cedo para cazolear e botar unha man. Superada a fase inicial, os potes fervían no lume, era o momento de perfilar a imaxe. Camisa e garabata, pantalóns con raia, mocasíns, e algún extra, formaban o indumento requirido para tal ocasión.

Na misa, con botafumeiro e procesión, xuntabámonos os veciños para honrar aos santos. Todo se facía co entusiasmo propio de quen ama ás súas raíces.

En regresando, uns retoques antes de sentar á mesa. Ían chegando os invitados. Os anfitrións exhibían esas dotes propias da terra: xenerosidade, amabilidade e tenra acollida. Recollidos no lar persoeiros prezados e destacados, únicos e irrepetibles, familia e amigos.

"Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co seu veciño, co máis próximo á súa casa, de xeito que, tendo en conta o número de comensais, o año se axuste ao que entre todos poidan comer."

O programa da fallo nas cantidades pola desproporción entre comida e número de comensais. Estudos xenéticos descubriron que o ADN galego ven de serie ca versión farturenta: un come por tres. E que cho reparta o corpo.

"Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.

Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós."

Xuntos a redor da mesa comemos e bebemos. O mandado pretérito obedecese cando preparamos a mesa. Mesa preparada, comensais unidos, manifestación de fortaleza e anticipo de alegría transcendente. Da mesa, engalanada de flores e mantel, procuramos o alimento que nos soergue. As viandas obtéñense ca suor e o compromiso, en esencia, froitos do amor. Viños deliciosos, avellados, con corpo, para lograr un maridaxe feliz que purifica e perdoa. Comer e beber con calma. Degustar a compaña dos íntimos e o proveito do meloso alimento. Derriba da mesa está todo o sabor das palabras e dos xestos que nutren a alma con pulos de vida.

A metodoloxía do Mestre: traballar e desvelarse polos demais, humildade e discreción, actitude de servizo, os pequenos detalles,... Pedagoxía do amor que pasa desapercibida e que se imparte cada día.

Dos devanceiros herdamos tradicións e costumes que convén exercitar. Eles viviron intensamente e deron exemplo. É moi importante volver aos fundamentos, e  redescubrir o que é esencial a través daquilo que se toca e que se ve. A festa, sinal de amor, adiviñase como o camiño privilexiado para atoparnos con Deus.

Lembra: “Para que o fagades vos tamén.”

Hoxe convídote a miña festa.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It