Imprimir
Visto: 143

Unha situación que escapa ao noso maxín e que parece froito dun pesadelo obriga as autoridades a declarar o estado de alarma. Catorce de marzo de dous mil vinte.

Dende aquela pechámonos na casa para loitar contra esta pandemia que deixa un rastro de medos e morte. Por mor da pandemia avanza a incerteza sobre o porvir das nosas xentes e a inseguridade instalase nos recibidores dos nosos fogares. Esta peste ronda por cerca, nas escolas, nos centros laborais, nos comercios, anda polas prazas e rúas, etc. ameazando a saúde con febres, desazo e pneumonías. Aló van miles de mortos. Calo a boca.

Atados de pes e mans. Unha sensación de impotencia recorre o noso corpo. A reacción pasa por quedar na casa. E, para máis inri, atemorízanos a pantasma da ruína económica.

Unha crise vital, familiar e persoal, de corpo, mente e espírito, fai acto de presencia.

Eu recoñézoo, amolecín. Sensibilidade a flor de pel. Percepcións sensoriais novas e imprevisibles. Un leve sinal precipita unha reacción íntima de recordos, persoas, tristura, carraxe, ledicia, desexo, en definitiva, emoción desatada. Saudade a cachón. Arela de desfrutar en liberdade e convivindo calmos.

 “Pois non temos un Sumo Sacerdote incapaz de se compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.”

“Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.”

Xesús  cargando coa cruz camiño do lugar da Caveira. O camiño gris énchese de dor, sangue e suor. Os pasos do condenado debuxan un percorrido interminable de destrución e morte. Cando acabará?  Xeonllos en terra para bicar o po nun esforzo inhumano por camiñar. E a soidade que vai descendendo coma solpor que despide o día entre escuros silencios e o invade todo. Pánico, tormento e abandono.

Hoxe quedo mirando a cruz. Xesús, aquel home bo, sabio e milagreiro, colgado na cruz.

Quen rebuscando na súa vida non atopa motivos para enviarlle a Deus un reproche? Mais descubro os padecementos do Fillo de Deus e ante a cruz pásame a rabecha. “Probado en todo coma nós.”

A cruz amosa un Deus humano e limitado, namentres, nós apetecemos ver portentos e milagres. Non nos convén. En diante, prescindiremos da parte humana e mortal para quedarnos unicamente co mito.

Os tempos modernos buscan deuses máxicos e submisos á vontade humana. Superhomes eficaces de ciencia ficción que reaccionan decontado e sen facerse esperar. O mundo, enfeitizado pola cultura do descarte, rexeita todo o que non serve ou non produce. Instalados na cultura do desacougo andamos ás présas, queremos todo, e agora xa. Os sabios dos nosos días son duros de testa e, parapetados no progreso, desconectan da historia pasada.

Máis e máis pégas a ese Deus inútil que atura desgrazas e oferta felicidade alá no alén. Que esperar dese home que foi espido, insultado, maltratado, e sacrificado? Onde está Deus? Que fai ante o mal? De existires non permitiría tantas desgrazas!

O símbolo da cruz é contraditorio.

Xesús descifra o misterio e o sentido da vida.

El non te abandona, non o fagas ti.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa