Abofé, acotío ando revolvendo no mundo dos sentidos deixándome atrapar polo pasado. Pouco pragmático, a intuición amósame pistas que me falan dunha realidade imperceptible á simple vista. Déixome levar.

Alfredo, zapateiro e comercial de pensos e produtos ao por maior, rifaba comigo. As nosas disputas remataban cun “amaña a cabeza, carafio!”. Tiña máis razón cun santo. Non o logrei. Ti, o que está a ler, talvez teñas a cabeza no seu sitio.

Sei ben que para facer crible unha opción sobran os discursos. A verborrea esparexe palabras que leva o vento. Haberá que combinar feitos e palabras. Pois ben, no meu teclado só teño palabras, queren saír, e posto que as normas do declarado estado de alarma o permiten, aí as ledes.

A cabeza, chofer destro que guía as nosas decisións, perde o xuízo cando bate cunha emoción grande. Un accidente, fortuíto o provocado, altera o curso dos acontecementos e fai saltar polos aires as seguranzas todas. Cando o corazón toma o control dos mandos a vida vólvese imprevisible, marabillosa e feliz.

“Pedro e mailo outro discípulo, a quen amaba Xesús, saíron correndo cara ó sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro.

Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu.”

O encanto de moitas mulleres radica en que deixan facer ao corazón. As Marías da historia de Xesús intúen luz de vida entre as tebras da morte. Asustadas corren anunciar que o corpo do Amado non descansa na sepultura. Os compañeiros do Mestre non dan creto ata que comproban in situ a veracidade daquel anuncio.

Paseniño, a sensatez e a razón van cedendo espazo ao latexo dunha absurda esperanza. Os lenzos e o sudario enrolado semellan indicios desconcertantes que a intuición resolve en favor da Vida.

Entrar na cámara sepulcral representa acceder á dimensión transcendente da vida. Ver vida no interior dun sepulcro? Imposible. No camposanto oio dicir as veces: “aquí non lle hai nada”. Frase contraditoria. Non atopamos vida dentro do panteón e tampouco a descubrimos polas alturas.

Temos que cambiar de chofer! A cabeza non ten repostas e unicamente pode guiarnos cara o absurdo das nosas vidas. Non te peches dentro do evidente. Deixa libre ao corazón. Corre detrás do anuncio da Vida. Busca luz. Perde a cabeza. Soña eternidade. Presinto que algo bo está a acontecer. Hai futuro!

Resurrección.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It