Os tempos cambian tan á présa que non os coñece nin a mai cos pariu, con perdón. Non se extinguiu totalmente a tradición de velar os corpos dos mortos nas casas. Cando tocou na miña familia optamos por facelo desta forma, na casa. Mamámolo dende pequerrechos e a Eles, aos meus defuntos, gustaríalles estar ca casiña, e punto.
Dispárase a morriña pola ausencia dos seres queridos. Nun esbozo de posición fetal buscas acubillo e retornas a eses lugares significativos, que falan docemente e suavizan a ferida aberta. Entre o correr das vágoas sobre das meixelas percibes a calor das paredes da familia. E os seus pesarosos latexos cheos de vida repiten: estás na casa.
Innegable o vínculo que une a cada persoa coa súa casa.
A casa procura o indispensable para vivir e cóntase coma un membro máis da familia. A casa escoita, non fala, coñece segredos íntimos e protexe aos seus hóspedes. Respiracións lentas e profundas que dan calor e espantan pola cheminea os malos fumes. Ando buscando o corazón deste ser pola cociña, sei que o ten.
Cando chora unha casa hai que gardar respecto. Pechan os ollos das fachadas cando quedan baleiras de ruídos. Choran, tamén, cando ven partir os seres da súa entraña e o frío percorre as paredes.
Casas con acordo, dentro delas gárdanse milleiros de recordos que van contigo de por vida. Cando un regresa e entra no íntimo da morada pódese oír un fío de voz, que che achega a presencia dos ausentes.
Triste queda a casa e apesarado marcha o seu dono.
Quero retornar sempre a miña casa, e cando toque partir deste mundo facelo dende a miña casa. A miña casa está en Chorén.
Casas cheas de amor e fe, nelas, a presencia dos finados endexamais desaparece, resucitan un día tras outro agardando a chegada á Casa Definitiva.
“Xesús díxolle: Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: "Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus".
María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira o Señor, e que lle dixera estas cousas.”
Haivos casas coas portas abertas que invitan a entrar e saír, a coñecer outras persoas e con elas crear fogar. A miña casa tamén é túa: a nosa casa. Casa feita con pedras vivas. Casa co teito aberto para mirar cara o ceo.
Esta casa ergueuse na cima do outeiro da resurrección.
Atende, hai alboroto e óense cantos de festa. Alguén fala dentro da casa, escoita! Subo onda meu Pai, regreso a miña Casa.
Non quero que te perdas! Ben sabes de onde es e cal é a túa Casa.
Alguén espera.
Entra na casa.
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa

Pin It