O ser humano é unha criatura marabillosa cuxo potencial inmenso imos descubrindo aos poucos. A nosa dimensión sensorial resulta sorprendente. O individuo ven de serie cunha morea de receptores físicos, afectivos e espirituais que permiten facer capturas instantáneas da realidade.

Para chiscar unha foto de calidade comezamos por facer un bo encadre coa luz adecuada. Ven sendo o contexto da captura: situacións, espazos, presencias, xestos, etc.

A disposición persoal antóllase determinante, é dicir, o resultado final dependerá da maquina fotográfica de cada quen. Vivir intensamente, estimulando atención e sentimento, deparará experiencias únicas e inesquecibles.

A memoria vai almacenando os recordos no álbum da vida. O proceso remata no laboratorio de revelado onde pasamos a película a imaxes ou recordos. Así, vai recollendo con precisión de detalle vivencias reconfortantes que nos aportan satisfacción (fotografías que espertan un sorriso). Lembrará vagamente sensacións incómodas (instantáneas desbotadas ou rachadas).  Amais, encargarase de acornellar os sucesos que alteraron o noso estado de benestar (retratos perdidos polos caixóns).

O entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo: Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.

Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron: ¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándono-las Escrituras?

Por un momento o fío argumental escacha, e a sensación de presenciar un feito que sucedeu tempo atrás é total. Ante os nosos ollos aparece algo que xa vivimos, unha especie de déjà vu.

Fuximos daquelas páxinas dramáticas e frustrantes da propia historia, queremos pasar páxina e, de súpeto, a memoria activa un mecanismo que axuda a reler todo. No seu día prescindimos dalgunha foto velada e inservible que agora recuperamos polo seu significado.

Uns consellos de afeccionado.

Abre os ollos do corazón para captar con profundidade e nitidez o que tes diante.

Estate a espreita para pulsar o botón que abre o zoom da sensibilidade.

Crea unha ampla reportaxe da vida, orixinal e a todo color.

Agocha na película dos soños os recordos máis especiais e íntimos.

Cambia con frecuencia os obxectivos da túa máquina, ollo, convén ter a man un teleobxectivo potente (recomendamos a marca “FE”).

Cuestión de enfoque!

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It