Imprimir
Visto: 42

Esta situación que sufrimos de confinamento residencial altéranos, queirámolo ou non. Por exemplo, a percepción do paso do tempo cambia. Parece como se os días da semana desapareceran. Van pasando os días e os luns xa non dan pereza, os venres non invitan á festa, e os Domingos nin misa nin aldea. Os reloxos marcan as horas cun ritmo novidoso, sen referencia á xornada laboral, ao colexio, á hora de recollerse ou de apagar o espertador, aos compromisos sociais... En fin, cambiouche ben o conto!

Que cousa cousiña é aquela que produce aburrimento e apatía?

Seguro que atinaches. A monotonía.

Nun intento de vencer a rutina artellamos unha chispa de lerias, aplausos, cancións, gravacións de vídeos familiares... escolma de caralladiñas para as que antes non había un minuto.

Disque na tesitura actual ponse a proba a convivencia. Resistes?

Asálteme a preocupación cando penso nesas persoas con moita vida social que pasaban horas e horas na rúa. Tamén nos meniños afeitos a xogar e brincar en liberdade. E, que dicir das persoas que agardan con impaciencia a visita dun familiar ou dun amigo, ben nas súas casas ou nas residencias? Males menores en comparanza cos pais e nais que ven perigar o sustento xunto coa capacidade de xerar ingresos.  Évos moi fodido o bocadillo de pan con pan. Desacougo.

Hoxe saltarían polos aires os barómetros que miden o grao de preocupación dos españois. O coronavirus levaríase a palma. Atórdannos con tal bombardeo obsesivo de información sobre o monotema que poñen en xogo o noso xuízo. Hai que roelo!

Fago unha advertencia, a tensión pódese agravar traendo consigo ansiedade e medo. Inquedo ou non?

“Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles: Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.”

Cando a realidade impón o castigo dun final desventurado a cabeza non rexe. Van pasando os días e o ceo segue gris, a promesa de plenitude languidece, por ningures rastro da súa presencia. Morreu Xesús e o imperio do medo impón a súa lei. Vendidos a un futuro incerto, descoñecemos o final.

Sintomatoloxía típica con diagnóstico de trastorno depresivo grave. O temor e a loucura provocan delirios que negan o evidente. Xa non está! Quen puidera mirar cos ollos e tocar coas mans! Despexar a incógnita para vencer o temor.

Sonvos eu. Palpade aquí. Decatádevos non son unha pantasma.

A volta do Señor barre de socato a miseria da mente deixando un corazón limpo con ganas de saltar.

A que veñen esas dúbidas, ese medo?

Estou sempre convosco!

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa