Imprimir
Visto: 52

En mans do esquecemento aquela Galicia pobre e sacrificada que cultivaba terra e mar. Nas palleiras e pendellos penduraban unha chea de aparellos, sachos, picañas, forquitas, fouces, galletos... Os carros, ao enxoito e co eixe ben untado de graxa, preparados para a carga e trasporte de todo tipo de provisións. Os animais acomodados e atendidos nas cortes e na eira. Dentro da casa a cociña rabiando de calor. Mulleres e homes postos aos labores tradicionais do campo coa inestimable axuda das vaquiñas.

Ás xentes do mar, descoñecendo os pormenores do oficio, aplícolles a mesma calidade en xenerosidade e sacrificio. O apego á terra, o recambio xeracional e as boas mañas foron garante da supervivencia do país.

O progreso meteu unha marcha máis e a faciana de agro e mar virou de súpeto.

Imaxino que unha das consecuencias desta pandemia levaranos a recuperar a esencia da nosa terra.

“Os apóstolos saíron pescar pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles: Rapaces, ¿tedes algo que comer?

Eles responderon: Non.

Díxolles entón: Largade o aparello por estribor e atoparedes.

Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Daquela, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro: É o Señor.”

Xesús mandou recado: “comunicádelle ós meus irmáns que vaian a Galilea e alí verémonos.” O acontecido na concorrida Xerusalén alterou aos amigos de Xesús que guindaron pola fiestra as esperanzas todas.

Un ambiente enrarecido nunca facilita a comunicación e supón unha lousa para saír adiante. Debemos afrontar unha nova etapa que pasa por retomar a historia dende o inicio,  dende Galilea.

Volver alí, ao punto de partida, acender o lume da cociña que da calor de alegría e serenidade. Traballar coa abnegación de sempre e botar a rede ata o romper do día. Traballar co sacrificio e a humildade que van fraguándose na ribeira repasando redes baleiras. Largar o aparello arreo para que a providencia nolo devolva cargado de pan e peixe.

Volver alí significa provocar unha experiencia de reencontro persoal. Procesemos toda a información para abeirar na praia da fe onde nos agarda o verdadeiro amor.

Todo vai ir ben.

Alguén espera por ti.

Vaiamos a Galilea!

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa