De regreso do camposanto fixen parada nas Saamasas, por botarlle un ollo a todo aquelo. A igrexa estaba no seu sitio, e o xardín do arredor inzado de malas herbas. Grazas que na sancristía  teño un sacho para as emerxencias! Esta, por suposto, requiría a miña intervención urxente. Falei comigo e convín remexer na terra co fin de arrincar as malas herbas. E tamén cavilei, voume distraer un pouco baixando o espiñazo.

Comecei  a labor con moito ímpeto. Avanzaba no meu propósito cando, de golpe, baixoume un lategazo na zona dos cadrís. Foi coma un lóstrego. De primeiras ves a luz e despois sentes o ruxido. Catro minutos engruñado de todo e sen poder desengoumarme. A dor semellaba a dunhas agullas bravas espetadas na zona onde o fío do lombo fai bisagra.  Aos poucos recuperei a verticalidade. Unha vez superado o susto e o desgusto volvín concordar comigo mesmo rematar o empezado. Que traballo feito non corre présa. Ninguén me mandou!

“0s que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporánlle-las mans ós enfermos, e estes curarán.”

Derreter aos demos a golpe de hisopo, falar chinés se cómpre, pasar por un “Frank de la jungla”, ser inmune a contaxios ou velenos, por as mans e operar milagres... unha marabilla recrear no maxín estas escenas.

Oístes, estes sinais dan moito que pensar e que facer. Coa man no corazón recoñezo que tales feitos poden resultar esaxerados ou incribles. A linguaxe bíblica posúe un sentido figurado, é dicir, que non se pode entender ao pé da letra. Os sinais, logo, expresan a grandeza e a importancia da misión. Nas nosas mans está transmitir e facer crible a encomenda do Señor.

A fe demóstrase nas cousas pequenas e vai pasando duns a outros a por de entrega, entusiasmo e sacrificio. Vaia sempre por diante a humildade como testemuño sinxelo e directo, entón, veremos realizado o soño do evanxeo.

Abofé, tanto dobrei o lombo que agora non son quen de me erguer, abofé que si!  

En homenaxe a todos os que dobran.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It