O caldo é un alimento moi completo. Un prato ou unha cunca abondan para recuperar os folgos  e avivar o ánimo. O meu preferido é o de verzas. Algo de anatomía do porco, a saber: touciño, bico, orella, lacón, costela ou soá. A pota con auga e que ferva aos poucos. Fabas das nosas. A verdura cun chouriciño, e regalo todo cun chorro xeneroso de aceite de oliva. Paciencia, e a desfrutar das delicias da cociña tradicional galega.

Enriba da cociña, nos tempos de antes, sempre había unha pota con caldo. Son un animal de costumes e manteño a tradición de cociñar este prato alomenos unha vez por semana. De neno a meirande parte dos domingos renovábase o caldo. Saboroso o recordo daqueles xantares co recendo da espesura escorrida e das talladas xenerosas de carne. Todos xuntos en familia saboreando a calor da mesa e da vida.

Descoñezo os motivos polos que non hai un día dedicado ao caldo. Esixo un día conmemorativo para este alimento que proporciona desde sempre enerxía á nosa Galicia .

“Ó entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo: Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba. Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.”

Uns camiñantes foxen de Xerusalén logo de presenciar a morte de Xesús.  Trátase de dous discípulos, desalentados, incapaces de esquecer a historia que deixaban atrás. Falan de canto pasara para albiscar unha solución aos seus problemas. Van cargando coa vida.

De súpeto, tópanse con outro camiñante. Aquel home descoñecido rompe o xeo e pregúntalles de que tratan. Repasan a película. As vágoas apuntan nos ollos e as meixelas palidecen. A resposta, acompañada dun suspiro, abrangue expectativas e frustracións. A montaña rusa máis salvaxe deixara o mundo daqueles homes revolto en decepcións e tristura.

Entra connosco, quédate, que o caldo quenta o corpo. Sentados á mesa comeron algo quente. A conversa seguiu. Repuxeron forzas. Pero neste caso non foi o caldo senón a compañía, porque máis axudaron as palabras atinadas e os xestos precisos. As palabras que chegan e calman e os xestos que espertan e sacian.

O home misterioso colleu o pan da mesa e botou a bendición. Unha luz clara entrou na casa, e asemade, os amigos pasan de camiñantes a peregrinos.

Arestora os amigos cheos de calma, descansados e comidos, falan ao caso.

Algo pasou polo camiño! Un soño, un recordo, unha emoción? O acompañante non dixo adeus, el desapareceu.  Ao unísono exclaman: Foi aquela comida con pan de vida!

E cheos de ilusión pola vida aqueles homes volveron a Xerusalén, ao punto de partida.

Mira, ninguén minte, Xesús camiña contigo. A súa presencia pasa desapercibida. El pregunta e escoita. Fala, levanta o ánimo e da esperanza. 

Que non caia no esquecemento o descanso do camiño.

Entra na pousada.

Degusta o pan do Amigo.

Non deixes de tomar o caldo! O teu corpo necesita cousas quentes.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

Pin It