Este ano non sei como será coas verbenas. Desta volta véxolles pouco futuro a eses festexos multitudinarios ao aire libre. Pouco rebumbio levantarán o Santo Antonio, o San Xoán ou Nosa Señora do Carme. Estrañaremos a algarabía pero o importante é ter saúde. E Deus queira nos vexamos dentro dun ano, que xa gastaremos pista!!

Si, este é un tipo de virus adusto e rabudo ao que non lle chistan as festas.

Para festas as de antes!

O Santiago de As Saamasas en Lugo. Contan os veciños que os festexos atraían a moreas  de familias. Chegaban cedo e pousaban as cestas no prado para reservar mesa. Pan, tortillas, empanadas, lacón cocido, queixo, viño... manxares suculentos. Acomodadas polo campo e á beira do río, desfrutaban de Deus, da natureza e da veciñanza.

En Artoño, aldea de Agolada cuxo patrón é o San Ramón, organizábase unha das verbenas nocturnas con máis sona na contorna. Concerto da banda municipal e a continuación a orquestra do verán. Vellos con bo oído musical, donas e maridos con sentido do ritmo, mozos arrimados á barra onde os ramistas non dan a basto, faise cola para as atraccións do tiro e das lanchiñas, nenos correndo e molestando... Un veciño entrega no palco unha pulseira por se alguén a reclama. "Ha sido un placer acompañaros un año más, gracias a este maravilloso público y con este tema cerramos la función. Viva San Ramón!"

Ao día seguinte os máis pícaros  madrugaban para buscar polo campo da festa algunha moeda ou obxecto perdido. Ían á rebusca.

“Nisto chegaron algúns e, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle: Mestre, cando chegaches aquí?

Xesús contestoulles: Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.”

Aquel día na camposa houbo unha gran romaría. Acudiu a xente toda da contorna. Nin misa nin concerto, soamente escoitar ao home e o seu rezo. Corría o murmurio entre os asistentes, dicían: unha prédica divina! Tanto lles pracía escoitar ao artista que se esqueceron do tempo e da comida. Do que alí en diante pasou dan conta os sentidos e tamén as barrigas. A ninguén lle faltou pan ou peixe. 

A música que se oía de lonxe trouxo máis festeiros pero, á chegada dos últimos, naquel campo non quedara rastro. Estes eran trouleiros que non querían traballar. Xesús reprochoulles que andar á rebusca é de folgazáns.

Amigos, gañemos o sustento co traballo de cada día, sabendo que somos necesitados do pan que da a vida. E fagamos festa. Festa completa con misa, comida e verbena.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It