Teño un amigo que non é gandeiro nin toureiro pero os cornudos bravos inspiran o seu enxeño. Os hastados que pinta posúen unha gran cornamenta anque os cornos sexan de cor distinta e algo retorcidos.  A fronte ancha e o pelo curto e rizo. Ollos pequenos pero de mirada agresiva. Ancho e poderoso o peito destes bichos. Os fociños inchados e retorcidos. O rabo largo e medio levantado. Touro bravo, de pelexo duro e de cor negro escuro. De patas lixeiras e con pezuños de lume e ferro. 

Ninguén dubida da súa bravura, fereza e poderío. Este temido animal da natureza non se domina levando na man unha verza, máis ben, cómpre arte e valentía.

Eu penso que o meu amigo cando fala do touro quere falar da vida. Un touro que sae do cortello pola mañá de todos os días.

Oístes, hai que coller o touro polos cornos, tourear con mestría!

“Entón díxolles Xesús: Con toda verdade volo aseguro. Non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo, pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle dá vida ó mundo.

Dixéronlle entón: Señor, dános sempre dese pan.

Temos memoria e honramos ás xentes do pasado, aos nosos devanceiros. Eles saíron á praza e tourearon deixando lances para o recordo. Verónicas, chicuelinas, pases de peito, eu que sei! Os de antes tourearon con mérito. O touro témolo diante e achégase correndo. Un virus, unha crise económica, a depresión anímica, calquera cuestión persoal, familiar e social. Un touro que bufa e mete medo.

Moisés deu bos pases co capote da fe, a súa entrega gravouse nos anais da historia. Moitos exemplos a seguir, pero, a faena está para nós.

Todos desexamos saír pola  porta grande. O destro, denantes do paseillo, encoméndase a Deus e pide a axuda que baixa do ceo. O matador sabe, de certo, quen é o pan da vida.

Prepárate ben, que o touro non te pille no medio das verzas. Sae con valentía e tourea para obter a recompensa  do rabo e das dúas orellas. Que reluza ese toureiro que levas dentro! Olé, olé, olé!

Co corazón e coa axuda de Deus gañaremos o pan e o respecto.

Por unha gran faena.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It