Todas as tendas están pechadas e necesito facer un agasallo. Desta volta non improviso que tempo teño dabondo para pensar. Gustaríame mercar algo orixinal. Un fastío cando quen racha o papel esboza ese sorriso finxido intentando disimular a decepción. Nestes casos recomendo non preguntar se gustou. Cumpriches pero non atinaches.

Non sempre funciona regalar algo útil ou necesario, por iso nunca desboto o factor sorpresa. Quero atinar, percibir esa sensación de satisfacción cando o agasallado vexa o meu presente diante. Inesperado, de maior o menor valor, pero que non se adiviñe. Que fica atónito e non artella palabra? acertaches, e punto. Marcha tranquilo se de volta ven unha aperta e un bico.

O galano heino envolver en papel de ilusión, estampado coas cores do agarimo e da amabilidade. Doulle voltas e máis voltas.

Cómpre, ademais, crear un ambiente de intriga, manter a expectación e, pouco a pouco, ir desvelando o segredo. Moi recorrido o de empaquetar estilo bonecas rusas, esta opción queda desbotada.

Creo nos agasallos. Sei que no fondo sempre esperamos recibir unha mostra de cariño. Instalados na rutina atrofiásenos a capacidade de improvisar, de entusiasmarnos, de inventar cousas novas portadoras de vida, de agasallar.

"Di Xesús: Bendito sexas, meu Pai, Señor do Ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei..."

Nada se exixe, quen regala faino por amor, porque lle da a gana.
A cor do manto verde, o azul das augas profundas, a bóveda celeste… todos foron discorridos con paciencia infinita. As mais e os nenos, os amigos fieis e verdadeiros, a vontade de entendemento… todo froito do enxeño. A flor, a abella, a choiva, o lapis e unha letra… son demostración do amor que crea.

As veces non valoramos o suficiente estes detalles. Cos pés afundidos na terra do existencialismo perdemos de vista o horizonte por onde o sol nos regala un novo día. Para que esperar se o podo mercar? O apetito desta sociedade de sabios e ricos estragou a capacidade de sorprenderse.

E haberá regalos para os pobres, os vellos e os que están enfermos? Si, os coidados e os mecos, a compañía da familia e, por suposto, a cruz como guía.

Deus manexase por criterios de amor e xenerosidade. O seu tacto, na lista dos agasallados, da prioridade aos humildes.

Teño algo para ti. Un paquete de alguén especial. Gustaríame que o abriras amodiño. Un misterio está agochado no seu interior. Emociónate. Único, orixinal e personalizado. O galano perfecto.

Quero que saibas que o máis precioso é o sentimento que nos une. Para min o importante es ti. Quero que saibas que hoxe, mañá e sempre estarei ao teu lado. Ámote sen condicións. Conta comigo.

Felicidades.

Espero que che guste.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It