Imprimir
Visto: 619

Un casco laranxa con viseira colgaba do guiador. Emoción desatada ao abrir os ollos e contemplar aquela máquina ao pé da cama, foi un día de Reis. Unha bicicleta de cros con rodas amarelas de tacos e acolchados no tubo superior do cadro e no guiador. Marca e modelo, BH California X2.

Agardaban quilómetros de diversión e aventuras dándolle aos pedais. Algúns días de sol ía nela á escola. Daquela non había aparcadoiros habilitados para bicicletas polo que quedaba no almacén da taberna de Suárez. Durante as vacacións inventabamos algunha xincana. O circuíto, trazado diante da casa, acadaba máxima dificultade ao ter que superar un paso estreito delimitado por dúas varas paralelas. De non tocar os paus enfrontábaste á última proba do circuíto, pasar entre dúas botellas de lixivia baleiras sen derrubalas. Cómpre explicar que para superar tal obstáculo había que sincronizar velocidade, equilibrio e pedalada. O truco consistía en franquear unha botella cun pedal en movemento ascendente e, inmediatamente, a outra botella co outro pedal en movemento descendente. No tempo das setas e das moras coa California X2 descubrimos as mellores petadas e fixemos catro patacos.

O salto de calidade chegou anos máis tarde coa Peugeot Aubisque. Unha bici de carreiras feita en aluminio, de cor azul e sela e cintas do guiador brancas. Con esta máquina no garaxe presentáronse desafíos de maior distancia. Desta época datan as primeiras quedadas cos veciños ciclistas, e tamén, os inevitables contratempos emparellados á xuventude.

A crise que trae a alopecia amortecina coa adquisición da Belinda, nome da actual compañeira de estradas e fatigas.

A min préstame andar na bici e desfruto diante do TV coas proezas dos mellores ciclistas. Cando monto no trebello sinto tal motivación que non hai porto ou distancia que se me resista. Aperto os dentes e o traseiro e zapatilla! A realidade asáñase comigo e ponme no meu sitio. Testudo de min sigo ilusionándome cando miro para esas rodas con cornos.

O mundo do ciclismo está cheo de tolos. Un amigo dos de sempre fai sete anos propúxome participar nalgunha marcha cicloturista. Este home que anda sobrado de motivación, e vontade non lle falta, descorreu facer os 200 quilómetros dunha proba de nome “Quebrantahuesos” aló por Sabiñánigo. Por certo, seguimos a explorar ano tras ano a xeografía do perineo franco-aragonés. 

Ao regreso dun adestramento polos arredores do concello de Santiso quedamos a falar. Na conversa o meu atufado compañeiro deixou entrever a posibilidade de facer o camiño de Santiago desde Roma. Ao cabo dun mes xuntámonos tres incautos nunha polbeira de Melide para tentear ánimos e datas. Entre talladas de molusco e viño con gasosa comezou a proeza daquel camiño de Santiago. 2.824km, aí o deixo!

“Despois que Xesús lles lavou os pés aos discípulos, díxolles: con toda verdade volo aseguro, o servo non é meirande có seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou. Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.”

A humildade posiblemente é a virtude máis preciosa aos ollos dos homes. As persoas polo xeral traemos de serie algunhas limitacións. Ás veces cóstanos recoñecer eses límites e xogamos a ser protagonistas omnipotentes. No historia do ciclismo están gravados os nomes dos máis destacados corredores, por exemplo, Miguel Indurain ou Pedro Delgado. Deportistas irrepetíbeis, recordados pola súa humildade, que inspiran a nenos e adultos afeccionados. Tan convinte soñar coma manter a cabeza no seu sitio e os pés na terra. Sóbranme dedos da man para contar o número de campións, o resto divertímonos facendo rutas e montando algunha que outra película.

Coñécete a ti mesmo! Unha advertencia na entrada dun templo grego. Estas palabras lembran a importancia de mirar cara a dentro para descubrir a nosa cativeza humana, e máis, coñecerse a un mesmo, indica pensar antes de tomar calquera decisión, antes de dar calquera paso.

Xesús fala do servo e do mensaxeiro para evitar conflitos de identidade, para evitar que aqueles discípulos un día se suban á parra. A lección queda ben explicada: os discípulos, a pesar do recoñecemento social e prestixio, teñen a obriga de imitar a aquel que lles lavou os pés. Os apóstolos e os seus sucesores teñen que cumprir a encomenda de servos e mensaxeiros. Repito: o servo non é meirande có seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou! Os auténticos enviados do Mestre destacan pola súa humildade, nada de altivez e soberbia.

No argot ciclista dise que a estrada pon a cada un no seu sitio, en cristián ven significar a pequenez do discípulo en comparanza ao Mestre. El poñerá a cada un onde lle corresponde.

Que felicidade circular no medio do pelotón.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa