Imprimir
Visto: 646

As primeiras comuñóns é tradicional que se celebren  a partires de maio. Temos este ano un impedimento de forza maior, a pandemia do coronavirus. Agora é tempo de combater a enfermidade.

Para as nosas comunidades non representan unha urxencia as celebracións de comuñóns, confirmacións e mesmo bautismo (excepto en perigo de morte). O prioritario é recuperar paulatinamente a normalidade.

Decisión unánime e prudencial será pospoñer a partires de setembro este tipo de festas litúrxicas.

Temos que pensar en superar con garantías o risco de contaxio que non vai suceder repentinamente. Agardamos a que as autoridades sanitarias nos confirmen á volta á normalidade e a superación do perigo de contaxio. Deberemos respectar en cada momento a normativa das autoridades: concentración de persoas, distancias de seguridade, etc.

Recordar tamén que a catequese interrompeuse en marzo e a formación non chegou a completarse. Nas vosas casas podedes traballar co catecismo e compartir momentos de oración en familia. Recomendamos a páxina web das Delegacións de Catequese de Galicia e na da parroquia colgaremos algunha actividade.

O equipo de catequistas concretará as datas e organizará as celebracións tendo en conta, na medida do posible, as preferencias dos pais.

Unha última consideración. Pensemos todos no verdadeiro sentido da celebración da nosa fe. Moitas veces facemos unha convocatoria multitudinaria e un importante dispendio económico. As nosas celebracións non deben ser alleas ás circunstancias que nos rodean. Nos vindeiros días e meses para expresar o noso compromiso como igrexa recomendamos actuar con moderación, e colaborar con aquelas iniciativas que dende as parroquias buscan axudar aos máis afectados pola crise do COVID 19.

Un saúdo.