O “R” costoume esforzo e tempo chegar a pronuncialo ben. Antes de pechar os ollos entre os lenzos da cama repetía trabalinguas ou imitaba o ruxido do motor dunha moto: “Erre con erre guitarra, erre con erre barril, rodan que rodan as rodas, as rodas do ferrocarril”. Tamén facía exercicios de adestramento coa lingua, estes consistían en sacar a lingua, mover a punta cara á dereita, esquerda, arriba e abaixo, e dobrala cara a dentro.

Imaxinade frases enxeñosas coas que provocar a un cativo... Ben! con estas e outras lerias os da miña casa desafiábanme a miúdo.

O de pronunciar o “r” supereino pero o de comer queixo non está ao meu alcance.

Este domingo celebramos a festa de Cristo Rei do Universo. O primeiro que me pasa pola cabeza é a imaxe de Xesús cunha coroa, sentado nun trono real e cun cetro na man. De certo, que esta instantánea do Mestre tráeme a mal traer, pois deixa un arrecendo distante e autoritario que non pega co evanxeo. Escoitade:

Entón dirá o Rei aos da súa dereita: ‑ Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun foras­teiro, e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver.

Entón preguntaranlle os xustos: ‑ Señor, cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiro e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?

O Rei contestaralles: ‑ Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo.”

Sabedes o conto aquel do rei mendigo? Houbo unha vez un gran soberano que quixo coñecer a bondade dos habitantes do seu reino. Para acadar o seu cometido fixo farrapos do seu roupaxe, mancou a súa faciana coa friaxe da noite e abriu as mans traballando cama un escravo. Seica aquel home abandonou voluntariamente o seu trono para poñerse no lugar dos máis desafortunados. Ninguén o recoñeceu. Cando regresou ao seu palacio puxo a cada quen no sitio que lle correspondía, enchendo de bens a uns e deixando na miseria a outros.

No evanxeo deste domingo lemos un conto parecido. O rei Xesús non leva capa nin espada senón que vai disfrazado de famento, de enfermo, de forasteiro… A loanza que máis lle agrada ao rei, e que lle debemos render, pasa por axudar aos irmáns máis pequenos, aos pobres e humildes onde se oculta o verdadeiro rostro do Señor.

Prepara a túa resposta porque o día do xuízo final vanche preguntar: cantas veces compartiches o teu pan? Cantas veces protexiches a alguén indefenso ou coidaches a un enfermo? Cantas veces pensaches nun preso ou acolliches a un estranxeiro?

Aprendín a pronunciar o “r”, cústame máis asumir esa figura de rei desfigurado porque a miña fe morna prefire o rei de ollos azuis e abrigo de armiño.

Porfiade nesta súplica: Señor, que non esqueza aquelo de “fixéstelo comigo”.

Pin It