Imprimir
Visto: 363

Este mes de decembro caracterízase polo seu ritmo frenético de compras e preparativos cara ao Nadal. Andamos todos ás carreiras! Este domingo frío e de choiva imos facer unha paradiña entre tanto alboroto. Comparto convosco unha lembranza.

Resulta que chegou a hora de arrincar da casa. Ao rematar oitavo de EXB, coma outros veciños do concello, mandáronme para o seminario menor de Lugo. Marchei confiado pois meu irmán Miguel levaba dous cursos estudando naquela casa grande e con bos resultados. Con todo, afectoume separarme dos meus pais, a desgana e a morriña acompañáronme durante unha tempada. O primeiro trimestre a cousa foi regular. A educación física, a plástica e a música tornáronse o meu viacrucis particular. Os resultados da primeira avaliación non cumpriron os obxectivos a pesar de que estaba moi advertido: “estuda!”.

Non existen as bicocas, estudade, e non vos deixedes confundir con andrómenas de aprobados xerais ou promocións de curso con todas as materias suspensas. Lembrade: sen sacrificio non hai vitoria.

 “Mira, mándoche por diante un mensaxeiro,

para que prepare o teu camiño;

voz de quen clama no deserto:

Preparade o camiño do Señor,

endereitade os seus vieiros.

Daquela presentouse Xoán Bautista no deserto, pregoando un bautismo de conversión para perdón dos pecados.”

O esforzo consegue sempre un resultado de autenticidade e coherencia. Xoán, o pregoeiro do Salvador, empéñase en ser honrado e permanece fiel aos seus principios. A súa vida non pasa desapercibida reclamando o recoñecemento e a atención do pobo. Algo intuímos, unha forza move a este home, a súa opción definida e radical convence, autoridade indiscutíbel da que nace unha esperanza. Compartir unha causa, traballar, loitar por manterse ergueito e firme, permanecer seguro, crer nunha promesa...

O profeta fainos unha advertencia "estuda!". Para acadar o aprobado e facer festa no Nadal hai que preparase cun bautismo de purificación-conversión e un correcto comportamento. Trasladado á nosa realidade: Xoán volve e queda nesta sociedade necesitada de testemuños cribles.

Como rematou aquel curso de primeiro de BUP? A cousa, paseniño,  foise endereitando.

Amigos, ao choio!!

Feliz domingo.