Quen se pode resistir a ese escuro deleite dunha onza de chocolate que se vai derretendo na lingua? Estudos feitos en universidades de prestixio conclúen que o chocolate estimula o cerebro e provoca sensacións máis pracenteiras cun bico, logo de incrementar por dous o ritmo cardíaco.

A barra de chocolate retrasou un chisco a elaboración deste texto, non me resistín, máis nestes tempos de restricións cómpre permitirse algunha alegría.

Deume por cavilar neses momentos nos que un despega do chan levitando coa mirada ausente en estado de gran satisfacción, e cheguei a unha preocupante conclusión: temos que rescatar a capacidade de vivir sentíndonos pletóricos de ledicia.

Eu tíñao claro e Fernando, o libreiro da Galicia, acabou por convencerme: fíxate na xente que pasa pola rúa, todos van tristeiros, dixo. Despois dun breve silencio, engadiu: cada día tes mil motivos para rir. Eu, despistado, mirei cara outro lado intentando recordar os momentos de maior felicidade da miña vida.

Inquedos e preocupados pretendemos acadar unha situación definitiva que nos depare alegría. Afán baldío. Tanto ardor poñemos na busca que nos deixa feridas abertas, secuelas de abatemento que adiantan un diagnóstico de tristura permanente.

A propósito, na misa deste Domingo anúnciasenos unha grande alegría: Deus chega para colmarnos de alegría!

“Exulto ledo no Señor e a miña alma relouca no meu Deus, por me vestir con roupas de salvación” 

Provoca arrepío ver como tinguimos dun advento apesarado as roupas da nosa interioridade e alteramos sen escrúpulo algún o legado da nosa relixión. Parécenos que a ledicia debuxa unha expresión pouco acorde ao rigor e austeridade das nosas liturxias. Disfrazamos de formalidade as nosas prácticas relixiosas e sentimos esa falsa seguridade de seguir os vieiros de Deus... talvez,  non nos gusta a festa ou esquecemos sorrir. Pasa pola miña cabeza aquelo de a procesión vai por dentro, e chego a conclusión de que a confraría dos amargados ten moitos irmáns. Se a alma relouca de ledicia terá que mudar as roupas escuras por outras de vivas cores.

“Estade sempre alegres. Orade constantemente. Dade grazas en todas as ocasións, que isto é o que Deus quere de vós como cristiáns. Non apaguedes o Espírito, non desprecedes as palabras inspiradas”.

Convén andar alegres para cumprir coa mesma vontade do Señor. Alegres a pesar dos atrancos e golpes que nos depara o transcorrer da vida. Alegres para que non vacile a nosa fe, en definitiva, felices porque a chegada do Señor é boa nova.

Pido un advento de luz, libre de medos e de sospeitas, que non apague a luz do Espírito. Un advento ditoso para que veña o Señor a salvarnos e liberarnos da escravitude do noso mal humor.

Amosa por fora o que levas por dentro, transforma a paisaxe da túa familia, a contorna dos teus amigos, o agro do traballo... Alfúfaro, a ton coas boas maneiras de Xoán, o Bautista, entoa un cantar de festa. Deus, que é graza e alegría, quere encarnarse por medio de ti no noso mundo.

“A miña alma exultará no Señor, meu Deus.”

Fíxate en María! María alégrase porque  leva a Deus nas súas entrañas. O segredo de María atopámolo no seu xeito de vida, sinxelo e humilde. Ela, a pesar dos seus problemas que non eran poucos, transmite alegría, porque confía e lembra que Deus pode realizar sempre marabillas. María, sempre disposta a facer a vontade de Deus, é fonte de eterna alegría.

Para todos un Domingo cheo de ledicia!

Por certo, na despensa teño máis chocolate, por si gustades.

Pin It