Vagalume está no ranking das palabras máis fermosas da nosa fala. Vagalume ven sendo un verme pequerrecho que emite luz na escuridade. Lucecú é un bichoco equipado de serie con luz propia, un ser de luz. E vagalume rotula a marca do combustible da caldeira de calefacción de Santo Antonio. Pellets, calidade plus, óptimo rendemento: rapidez máis eficiencia. Na comparativa coa vella caldeira a gasóleo os consumos representan menos da metade. Un acerto o cambio da máquina calorífica que aportou confort  e satisfacción.

Na igrexa de Santo Antonio reunímonos todos os días do ano, verán e inverno, procurando crear un ambiente agradable, acolledor, onde todos nos sintamos coma na casa, ao quentiño e ao redor  da mesa principal. Ollo! O frío paraliza, e cos pes fríos nin se pensa nin se reza. Caldeira nova, ...cartos ben empregados!

Levántase unha casa para acubillarnos nela con quentura e amor. Fagamos o que o rei David quería e erixamos unha casa para acoller a Deus. Metámonos en faena e levantemos a casa da igrexa, un espazo amplo para a misericordia e a esperanza en Deus, morada para sentirse amado e alentado a vivir segundo o evanxeo. Unha casa de portas abertas para que todos poidan entrar. Grazas a todas as persoas que incrementan a temperatura ambiental nesta casa porque saben acoller e compartir. Grazas polos pequenos detalles que fan evidente esa presencia de Deus que andamos a buscar. Grazas por deixar que Deus entre na nosa Casa e participe das nosas vidas. A calidade do noso persoal está garantida: seres de luz que esparexen esperanza e salvación por todas partes.

“Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaí que vas concibir no teu ventre e dar á luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús.”

Aquela muller, movida polo apuro, chea de nervios e conmovida, exclamou: xa ven o Neno! Situámonos perante unha das meirandes experiencias da vida: concibir e dar a luz unha nova vida. As nais son fogares que respiran amor e xenerosidade. O ambiente do seo materno énchese de temperatura para que nel medre o misterio da vida. O ventre daquela mociña de Nazaret foi o primeiro fogar que acolleu ao Deus meniño. En María, ser de luz, albiscamos pistas para facer que medre en todos nos o misterio da vida de fe.

Advento, tempo para avivar o lume, queimar pellets e subir a temperatura do ambiente e da nosa interioridade para acoller á criatura que ven en camiño. Propoño que nos abramos á experiencia da maternidade de María para comprender polo miúdo o misterio do Nadal. María envolve a boa nova do seu embarazo nunha actitude de entrega incondicional a Deus e dispón un berce de xenerosidade e caridade, barrelo que arrola entre nanas de eterna mocidade. Ela preparou con tino a celebración do primeiro Nadal.

Non deixes arrefriar a caldeira da fe, inverte en calor, desfruta dun ambiente de fogar e familia na túa igrexa.

Unha aperta.

Pin It