Esta noite pechamos os ollos entre cavilacións e nervios agardando espertar naquel momento feliz de emoción e inocencia. Solpor de intriga e misterio que precede un amencer con fragrancia de soños realizados. Instalados na infancia que non pasa rescatamos a ilusión de outrora.
Día de Reis en tempos de soños.
Canda as necesidades que nos apremen xorden imaxes fantásticas de tolos con facianas alegres: maiores e nenos capaces de rescatar a maxia de crer. Porque a maxia posúena aqueles que traducen os soños por desafíos, porque a maxia perténcelle aos que traballan e loitan na procura dun porvir mellor.
Iluso? Non, mellor tránsfuga das matemáticas da probabilidade e canso dun mundo apagado e sen espírito soñador.
Os "Tolos de Oriente" puxeron as súas vidas a cabalo dunha estrela e concentraron nun agasallo doses desa complicidade que só teñen os soñadores.
Benaventuradas as mulleres e os homes que viven na procura dun soño, porque eles chegarán a Belén. Melchor, Gaspar e Baltasar, moitas grazas polos agasallos e, sobre todo, por levarnos ata a fábrica de soños de Belén.
Non deixedes de soñar!