Quero comezar este relato facendo un recoñecemento a tantas persoas que sen facer ruído pasan pola vida facendo o ben.

Olor a madrugada. Imos cara un lugar ao que se chega baixando unha pronunciada pendente de ostentación e de vaidade. Transitan polo camiño xentes animosas que comparten entusiasmo entre contos e algún sustento. En avanzando, vaise insinuando unha verea feita de pegadas de ilusión e utopía. Atrás quedan as modernas calzadas proxectadas polos poderes relixiosos e políticos da época: vías de altas prestacións polas que circular a gran velocidade pero, tamén, con alta sinistralidade.

O carreiro estreito e pelado vai parar preto do río, a unha camposa. A xente fai cola agardando a quenda. Detrás duns van pasando outros. Alí, entre o boureo da xente, escoitamos a voz do home do río que dicía: “…está a chegar o que é máis forte ca min, perante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado.”  

As augas do río, que baixaban mansas, foron testemuñas do acontecido. Ao saíres da auga un feixe de luz máis unha pomba alcanzaron a aquel home e, asemade, ouviuse: “Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.”

O solpor produciunos unha grata sensación de tranquilidade e paz. Abandonando o lugar albiscamos unha paisaxe única con vistas incomparables dun río profundo que regala vida ao seu paso. Unha atmosfera cativadora apoderouse de todos con fragrancias arrebatadoras de tons espirituais.

O camiño de regreso pasou de contado e quen máis quen menos dáballe voltas ao sucedido. Asistiramos á presentación máis espectacular do Servo Humilde, dun enviado de Deus. E reparamos naqueles sinais que encomezaban un estilo: confundido entre os romeiros, cómplice dos amigos, submiso a quen está por riba, preparado para amar coas palabras e cos feitos, e armado soamente coa forza da verdade.

Así vivimos o bautismo de Xesús.

Fomos uns privilexiados.

Pin It