Imprimir
Visto: 359

No sector comercial para acadar éxito entoxase indispensable saber vender, de feito, as empresas rífanse aos bos comerciais. As veces non importa tanto o produto coma o saber presentalo ao público. As estratexias de venta son do máis diverso, atopamos tantas coma vendedores hai. Aquí cabe aplicar o refraneiro: cada mestriño ten o seu libriño.
Perdoade que agora tire de tópicos e aluda a aquelo da picaresca comercial. Comprador e vendedor branden armas: aquel avanza desafiante, este repregase en sutil defensa. O vendedor garda unha daga curta con punta afiada para ferir a inocencia do seu adversario. O comprador fica inmóbil porque sabe que o mellor ataque é unha boa defensa.
Cando fechamos unha operación atrás chega un acrecentamento da satisfacción persoal, sensación esta, ás voltas fugaz ás voltas persistente. E pasa o tempo e imos caendo na conta dos erros cometidos... quizabes por precipitación ou por falta de información. E vaise diluíndo aquel agradábel efecto  inmediato ao negocio.

Os acertos dos que nunca me arrepinto foron froito de decisións rápidas (amor a primeira vista) Diredes que son atufado, pero, coma bo romántico, opto por definilo coma un frechazo fulminante que anula a razón elevándote nun impulso arrebatador sobre o obxecto desexado. Fóra dúbidas e medos, tes diante dos fociños o negocio da túa vida! Cómpre actuar rápido, sen pensalo moito.

“Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:

            — Que buscades?

            Eles respondéronlle:

            — Rabbí(que quere dicir mestre), onde paras?

            El díxolles:

            — Vide e veredes.

            E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.”

 

A súbita reacción dos discípulos de Xoán foi provocada por un "vide e veredes". Un a un chimparon as armas vellas da indecisión para afiar outras novas de entusiasmo e valentía. A oferta era irresistible.

A estratexia de venta de Xesús pasa pola empatía, por abrir a porta do seu corazón e convidar a entrar e ver. El, o Mestre, supera os trucos dos vendedores acabados enchendo de brillo os ollos de todos. Foi un encontro tan conmovedor e feliz que os discípulos endexamais o esqueceron. O punto de partida dunha nova andaina.

Necesitamos entrar no mercado do mundo, cheo de trileiros, e ofertar sen medo o noso produto. Renovémonos segundo o modelo de Xesús, e recuperemos a chispa de outrora para conquistar os corazóns dos que buscan.

Comerciais que tolean de euforia e contaxian ilusión? Mércocho!

Feliz Domingo.