Receita de robaliza ao forno.

Ingredientes:

  • Unha robaliza
  • Patacas
  • Pementos
  • Tomates
  • Sal
  • Viño branco

Levo máis da metade da vida diante dos fogóns da cociña, quentándome cando vai frío e facendo algún que outro experimento culinario. Cociñeiro nos comezos por obriga e nestes tempos, heivos dicir, por vocación.

Hoxe toca peixe. No mercado collín unha robaliza para facer ao forno. A dificultade da elaboración deste prato e mínima e o resultado delicioso. A combinación de peixe e forno son garantía de éxito.

Elaboración: 

  • Límpase ben a materia prima e sálgase.
  • Córtanse as patacas e o resto das verduras en rodas e frítense en aceite de oliva.
  • Nunha bandexa colocamos a zarapallada da tixola e, derriba dela, a robaliza.
  • Régase todo cun bo viño branco da terra.
  • E, para rematar, dáselle tempo e temperatura: 20 minutos a 190°.

Bon appétit!

Nas épocas de festexos os prezos da fauna mariña dispáranse, ben é certo, que as condicións do mar nalgunhas épocas do ano dificultan o traballo dos pescadores. Temos que poñer sobre a mesa o labor da xente do mar e amosarlles o noso recoñecemento. Fanse ao mar, levantan áncoras deixando ás súas costas a seguridade da terra firme e a calor do fogar, e con sacrificio loitan por facerse coas mellores capturas. Tormentas, a mar embravecida, o frío do amencer en cuberta, o vaivén da nave sacudida polas ondas. Duro este oficio! Imaxino tamén eses días cegos de “mala” mar amarrados a porto ou esoutros de botar a rede en balde.
Home a auga! A mar atragoada polo mal envolve entre ondas de pedra o corpo dun mariño, e a morte faise noite e cobra o seu tributo…

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:

— O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus, convertéde­vos e crede no Evanxeo.

Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús: — Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.

Eles deixaron decontado as redes e seguírono.

Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E deseguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.

Vinde comigo! Escoitamos unha chamada que nos convida a facernos ao mar. Somos a tripulación que a bordo do barco guinda o aparello na procura dunha pesca mellor. Atravesamos o ancho mar e temos a sensación de que os nosos esforzos non se traducen en redes repletas de peixes. Como largamos o aparello? Entre todas as artes de pesca o Capitán aconséllanos o palangre da conversión. Para largar o palangre requírese facer unha manobra de virada, é dicir, cambiar o rumbo e poñer o barco na dirección que sinala o Capitán. Urxe, amais, repasar e arranxar as redes. Por outra banda, os pescadores apaixonados polo mar saen de porto izando as velas da ledicia e da esperanza, que non é bo pescador o que de desilusión afoga en terra firme. Hai que facer, polo tanto, unha carga de provisións que renoven a motivación na cuberta do barco e recrutar persoal con novos folgos e coraxe.   

Moi saborosa a robaliza! A receita é sinxela, máis, a dificultade reside en andar o mar.

Esta reflexión é dun aprendiz de cociñeiro que admira aos homes e mulleres do mar que arriscan todo por realizar o seu ideal.

Marcho cara aquel lugar onde se embarca na procura de vida e felicidade.

Bo proveito!

Pin It