Estes días asistimos a un debate que pon enriba da mesa o proceder dos youtubers que liscan cara Andorra para aliviarse das cargas fiscais. Os pobriños van na procura dun clima máis suave… Pero non quero encerellar con este tema. O feito é que estes youtubers arrastran a millóns de followers (seguidores). Eu, descoñecedor do facer destes líderes das comunicacións cibernéticas, non deixo de admirar a capacidade que amosan para captar a atención do público.

Hai modas e modos de facer as cousas. Todos temos tropezado con persoas que polo seu carácter e polo seu xeito gañaron o noso recoñecemento e admiración. Mulleres e homes de todos os eidos, profesionais únicos e irrepetibles, cunha capacidade excepcional para transmitir e tocar fibra. Porque algunhas persoas posúen unhas calidades que, primeiro captan, e despois, convencen. Dou grazas porque ao longo dos anos vividos atopeime con algúns destes seres excepcionais. Por suposto, acada este impacto quen posúe un don.

As perlas preciosas son afeites que realzan a figura de quen as porta. Chegan ao mercado gran cantidade destas bolas de nácar, na meirande parte de cultivo. Outras, as máis cotizadas, xorden de xeito espontáneo nalgunhas ostras, en porcentaxe equivalente a atopar unha agulla nun palleiro. Como se determina o valor dunha perla? Pola súa forma, cor ou grao de luminosidade e talla. As máis buscadas son redondas ou en forma de bágoa. No mar das comunicacións cibernéticas aparecen a diario multitude de perlas entre as que non é doado atopar a que nos interesa. Algún buscador de perlas recoméndanos mergullarnos nas profundidades dos contidos de internet e facer unha selección segundo a forma, cor, luminosidade, etc.  

Conclúo: antes de introducirse no mercado das perlas é unha boa idea informarse sobre o tema para recoñecer as diferenzas que poderían afectar o valor da súa compra. Por exemplo, ter en conta se son naturais ou creadas en laboratorio, ou se foron sometidas a algún tratamento para mellorar a súa aparencia. O que digo das bólas de nácar aplicádeo tamén as persoas.

Naquel tempo, viñeron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga. Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:

 — Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti, ti es o Santo de Deus. Xesús mandoulle:

 — Cala, e bótate fóra dese home.

 O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados e discutían entre si, dicindo:

 — Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos e eles obedéceno.

 E a súa sona espallouse decontado por toda a rexión de Galilea.

 

“Abraiados”, xa que aquel home expoñía a súa doutrina con autoridade. Porque Xesús predica dentro e fóra da sinagoga. Dentro di: hai que curar aos enfermos, defender aos débiles, estar cos pobres… E fóra: cura aos enfermos, defende aos débiles, está cos pobres! Moitos profetas falaron ao longo da historia pero coma o Noso ningún.

Unha das perlas preciosas que sentan mellor e que engalanan a vestimenta da fe chámase coherencia, e dicir, a unión harmónica entre o que se di e o que se fai. Non lle des máis voltas, un youtuber pode dominar calquera tema, facer bo uso do tempo, vocalizar correctamente, adoitar un xeito simpático, manter o contacto visual, apoiarse nas últimas tecnoloxías… Mais a técnica que emprega o cristián resúmese en tres verbas: “dito e feito”.

“Había naquel lugar un home posuído por un espírito” Tradúzovolo ao galego: "un necesitado". Xesús curouno. O Santo saíu do templo a por en práctica o falado.

Á saída dos templos da nosa sociedade acoden pedindo axuda todo tipo de necesitados, eles son unha oportunidade para amosar esa perla preciosa agochada no teu interior. Dálles o agasallo da túa fe. Sedúcenos co brillo da túa vida.

Perdoade tanta palla e tan pouco gran.

Unha aperta.

Pin It