Imprimir
Visto: 520

Como facer fronte a un futuro incerto? As mulleres e homes levamos miles de anos querendo adiantarnos ao que está por vir. O futuro convértese acotío nun negociado de sortes que pretenden acadar seguridades. Así, xorden técnicas sofisticadas de adiviñación coma a de botar as cartas, a boaventura, interpretar os pousos que deixa o café no cu da cunca,  analizar o desgaste dos zapatos, ler as vísceras dun animal ou examinar os seus movementos. Disque a selección española de fútbol gañou o mundial de Sudáfrica grazas a un polvo oráculo de nome “Paul”. Adiantarse ao futuro representa un desafío nun mundo onde a prospectiva e a planificación non teñen un valor absoluto. O fondo da cuestión descúbrenos o medo e a inseguridade que nos asola continuamente.    

Este ano a marmota dos EE.UU vaticinou invernía. Os conxéneres de América do Norte fican circunspectos ante unha marmota que sae do seu cubil ao rematar o tempo de hibernación. Todos os ollos postos no roedor que prognosticará a duración do inverno.

Díxenvos algunha vez que teño vara alta aló arriba? Si, si, no ceo ando sobrado de recomendación.  Demóstrovolo de contadiño. Polo contrario, como se explicaría que leve tantos anos “vivindo coma un cura”? E non retorzades as miñas palabras que ben me entendedes. Entre os meus seres queridos na bóveda superior, contareivos, reside unha muller que nos momentos máis duros da súa vida, atopándose moi enfermiña nos postremeiros dias, entre saloucos, preguntábame: Alberto, como ves o meu porvir? Eu, atoallado, respondía dicíndolle: “tranquila”.

Xob, récord mundial de todos os tempos en paciencia, tocoulle en sorte un futuro máis negro co sobaco dun grilo. El, aturou desgrazas coma mundos e a moreas: feridas en carne viva e pranto permanente. De aí o refrán: "tes máis paciencia que santo Xob". O personaxe de Xob aforra tecnicismos psicolóxicos e describe o laio dun home abatido en fonda desesperanza. Xob represéntanos a todos, pois nalgún momento sentiremos un baleiro existencial.

Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela. E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos. Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.

            Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mais os que estaban con el fórono seguindo e, cando o atoparon, dixéronlle:

            — Todos te andan a buscar.

            El respondeulles:

            — Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.

          E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.

 

A febre da sogra de Pedro supón esa angustia vital que bate contra todos os humanos e nos impide experimentar a ledicia verdadeira. Hoxe chámanlle depresión. A súa orixe está na carencia dun proxecto vital cun obxectivo ben definido.

Ante a ringleira de pobres, enfermos e necesitados non serven predicións futuribles e tampouco os mecanismos de seguridade humanos. Xesús pon freo a esas ameazas que falan de sufrimento e de perda de sentido. El entra na casa de Pedro para curar o ánimo abatido de todos os que están deitados na cama. El bota man da humanidade erguendo a nosa dignidade enferma de dor.

Prostrados ás portas daquela residencia de Cafarnaún somos erguidos e enviados. Os cristiáns, en conclusión, temos que buscar a axuda do Señor que pon remedio ás nosas febrículas e, asemade, manda arrincar a ambulancia das urxencias para levar a cura aos irmáns que padecen unha febre máis alta.

Non te fíes da marmota, o futuro está nas túas mans!

Por certo, como ves o noso porvir?

Saúde e ánimo.