Estás canso? Farto de tecer? Sempre liado en mil historias? Seica perdiches a conta dos traballos e sacrificios que levas acumulados dende fai tempo? Pois, direiche, experiencias gratificantes ao cento por cen cóntanse cos dedos da man. Amigo ou amiga, a vida é un cóctel elaborado a partir da combinación de sabores doces e amargos: un chisco de traballo cun belisco de lecer, unha dose de obrigas xunto cun pouco de tempo libre, unha migalla de esforzo máis un pouco de descanso, unha pinga de padecementos xunto con lerias e risas, sacrificios e horas pracenteiras... Estes elementos segundo a súa dosificación producen sabores únicos e distintos que adiantan tragos largos, intensos, saborosos, pracenteiros, duros, fríos, agres. Cómpre acostumar o padal para apreciar e distinguir os sabores, deste xeito, desfrutaremos do cóctel da vida.

“Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán, e subiu con eles a un monte alto.

Alí transfigurouse diante deles; e os seus vestidos viráron­se resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar.

E aparecéuselles Elías e mais Moisés, que estaban a falar con Xesús.

Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:

— Mestre, que bo sería ficarmos aquí! Imos facer tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.

El non sabía o que dicía, de tan asustados que estaban.

E formouse unha nube que os cubriu e, desde a nube, deixouse oír unha voz:

— Este é o meu Fillo benquerido; escoitádeo.

E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, senón a Xesús só onda eles.

Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada do que viran, ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos.

Eles gardaron a cousa en segredo, pero preguntábanse entre si que sería aquilo de “resucitar de entre os mortos”.

O monte da transfiguración recolle e potencia o sabor das experiencias gratificantes da vida. Un combinado elaborado a partir do ingrediente das expectativas cumpridas, e que deixa en boca a sensación dos momentos de plenitude onde cada peza encaixa, sobresaíndo os tons máis gustosos. A cima do monte Tabor conta un instante de inmensa felicidade antes de volver á chaira do día a día que esixe compromiso e sacrificio.

Deus sabe dos grandes sacrificios que fas, pero, tamén gusta daqueles pequenos e cotiás que van aromatizando e dan corpo á elaboración final. O cóctel da vida apreciase a grolos pequenos que deixan un padal intenso, afrutado e moi duradeiro, noutras palabras, ir morrendo aos poucos para conquistar  o cumio da vida Feliz.

Na coresma ofrece eses pequenos sacrificios de cada día.

Hoxe apetéceme unha copiña. A vosa saúde.

Pin It