ITE: inspección técnica de edificacións.

Xesús foi o primeiro e máis cualificado inspector de edificacións. O evanxeo deste domingo presenta o resultado da ITE do templo de Xerusalén.  A avaliación daquela construción relixiosa declarou o seu estado de ruinoso. O técnico-inspector evidenciou síntomas ou signos evidentes internos e externos como gretas, afundimento do chan, desprendementos de cascotes e desgaste dos elementos estruturais. De contado, aplicouse un reactivo anticorrosivo para eliminar de raíz  calquera afectación estrutural e ambiental. Así, comezaron os traballos de reparación e reconstrución no templo para devolverlle o esplendor de outrora.

Nesta coresma debemos pasar esta revisión ITE.

Imos encomezar por analizar o estado do noso templo-persoa. Deficiencias leves ou severas? Viches algunha fenda? Humidades e filtracións? Lixo no patio interior ou na azotea? A primeira medida arranxar todo o que arrefría a nosa fe e nos aparta de Deus. Necesitamos un ambiente interior confortable, cálido e saudable, humano e solidario. Xesús botou a patadas do recinto do templo aos comerciantes que só miraban polo seu negocio, convertendo a casa de Deus nun “chiringuito” de engano e regateo. Na inspección do noso templo persoal miremos, tamén, ata que punto reducimos a práctica da relixión a un regateo de favores con Deus.

Un relato que, contextualizado nesta coresma, faranos pensar na comunidade representada polo templo-parroquia. Apliquemos, entón, o conto da ITE ás nosas comunidades (cregos incluídos) para superar bloqueos e complexos do pasado e responder as necesidades do noso tempo dándolle vida ao evanxeo. Desprendementos de consideración nos últimos tempos? Fungos nas paredes por falla de oxixenación? Óxido corrosivo por un mantemento desaxeitado? Observa que as ancoraxes permanezan en bo estado. A parroquia foi erguida polos devanceiros co propósito de honrar a Deus e para gozar da súa presenza. As actitudes egoístas e inmobilistas rachan a comuñón entre os irmáns e atrancan a incorporación de novos membros, desgastando e debilitando a calidade da construción. É preciso aplicar un produto adherente que compacte as partes que ameazan desprenderse do conxunto, deste xeito, o edificio lucirá esvelto e firme. E dicir, debemos mellorar a comunicación e a corresponsabilidade entre os membros das nosas parroquias. Amais, recoméndase deseñar contornos accesibles que posibiliten a orientación nos espazos e faciliten a localización de puntos de interese. En definitiva, unha parroquia de portas e fiestras abertas para acoller a todos e respirar o aire fresco da fraternidade.

Para rematar a ITE achegámonos ao templo-sociedade. O papa Francisco, técnico cualificado, en relación ao mundo "casa común" anímanos a traballar xuntos para arranxar as deficiencias graves detectadas que poñen en risco a estabilidade e a seguridade das persoas. Urxe amañar os estragos ecolóxicos que feren a dignidade dos máis pobres, e acomodar todas as habitacións da casa para o benestar e descanso dos seus ocupantes.  Loitemos á par do Mestre para guindar lonxe e erradicar o que desmerece ao Templo Común da Humanidade.

Nas túas mans está a obra de Deus, non a abandones, cóidaa e arránxaa.

Resultado final da ITE: favorable ou desfavorable?

 (introduza a súa valoración)

Pin It