Aplausos terapéuticos que calman a inquietude persoal producida polo baleiro existencial. Aplausos apurados que alteran o silencio e rachan a calma dos que transitan pola vía da serenidade. Aplausos estridentes acompañados de voces emisoras de berros que reclaman por xustiza un novo poder. Aplausos acirrantes e contaxiosos que incrementan o algareo, a tensión, a confusión.
Aplaudir para sumar inconscientes á causa dun erudito que fala de amor e de salvación.
Aplaudidores tendenciosos do que convén. Moitos aplausos, e despois, apupos e protestas.
O tumulto oscila e vai dun lado a outro anticipando alteracións no ánimo.
Burlas e insultos para compoñer a devoción do escarnecemento. Bulicio enxordecedor para afogar e matar a verdade.
Domingo de Ramos: entrar con palmas de vitoria e saíres con asubíos de condena. Aledarse con Xesús e, ao intre, renegar del.
Benvidos á comedia da vulnerabilidade. Pasen e contemplen a farsa dos humanos indecisos presos da súa liberdade: unhas veces eufóricos, outras coléricos.
Luces e sombras, éxito e cruz, fe e traizón, bañan o taboado onde corre a historia do mundo entre suspiros de perdón.
Axita con emoción ese ramallo e berra entusiasmado: "Deus salva! Bendito o que ven no nome do Señor!"