A vaca, mamífero rumiante, ten un sistema dixestivo ben especializado. Este cuadrúpede extrae a máxima enerxía do alimento inxerido. O proceso iníciase no medio natural que lle ofrece ricas superficies das que pastar. A vaca enche o seu bandullo de grandes cantidades de herba. Nun xesto sincronizado ollos, pescozo, fociño e lingua apañan con precisión de vaca suíza o verde ou seco alimento. Cando come, a vaca enche primeiro a súa boca coa lingua, e logo levanta a cabeza para mastigar. Preciosa estampa a dunha vaca larpeira engulindo unha mazá pendurada da maceira. Unha frase quedoume gravada dende moi pequeno “hai que lle dar de comer ás vacas!”. É que estes bichos comen con moita regularidade. 

As vaquiñas cando está cheas adoitan descansar, máis en certas épocas do ano moscan e brincan as condenadas. Lémbrome da Rubia, unha vaca grande e revirada, de cornos retorcidos e afiados, que ventaba calquera incidencia fora do habitual. Á beira da noite a Rubia deitábase no estrado da corte a remoer a inxesta do día. As vacas rumian, é dicir, regurxitan e mastigan repetidas veces o contido do estómago para facilitar a súa dixestión. Cando o animal está san e feliz pasa ao redor de dez horas remoendo, ollo, dez horas!

Este Xoves Santo miramos a Xesús que se anica para lavárllelos pés aos seus amigos, díxolles: Deivos así un exemplo para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

Estes días, mais que dicir moitas cousas, toca facer a vaca. Ti podes darlle ao rabo e mesmo moscar, ora ben, eu anímote a remoer con calma esas vitaminas en forma de xestos e palabras que nos chegan dende Xesús. Aliméntate!

Grazas polos que son mansos, e grazas polos bos exemplos!

Pin It