Pasa o tempo voando! Ao pouco de facerme crego e traballando no seminario chegara por alí un mozo duns vinte e pico anos, tratábase dunha fichaxe sorpresa, coma as deses futbolistas que cambian de club ao quedar liberados de contrato. A nova incorporación, adquisición exprés en pleno mercado estival, ingresou no equipo en calidade de dianteiro centro. Daba o perfil de xogador brasileiro, diferente, pequeno e talentoso, deses que viven na área pequena agardando ocasións para materializalas en gol e que son folgazáns á hora de axudar en tarefas defensivas. Mais que un goleador nato aquela incorporación resultou ser un gol por toda a escuadra.

De cando en vez recordo con cariño unha frase del, dicíame: "Alberto, no me apetece". Resulta que compartiamos certas tarefas, unhas máis liviás ca outras, e que tiñamos organizadas por quendas rotativas. Algúns traballos eran de supervisión de estudos e comedores e requirían seriedade e constancia. No día a día dábanse situacións de risco para a paz e o benestar de todos, o réxime disciplinario marcaba a pauta a seguir para a resolución de tales conflitos.

Aquela temporada déronse dúas circunstancias que alteraron a calma. A primeira, os accidentes provocados pola inexperiencia da recente incorporación (que trataremos noutra ocasión) A segunda, o incumprimento inxustificado das quendas de traballo. Cando chegaba á hora de realizar algún sobre esforzo laboral o compañeiro soltábame aquilo de: "Alberto, no me apetece."

Antes do inverno déronlle finiquito.

A min traballar, esforzarme, cumprir coas obrigas, sacrificarme para acadar un obxectivo, madrugar, ser puntual e ordenado, e unha morea de cousas máis, non sempre "me apetecen", pero existe unha forza maior chamada responsabilidade ou sentido do deber que te move a cumprir coas obrigas de cada día. A esto tamén lle chamo eu vocación: a facer o que está mandado por honor e compromiso.

Este Venres Santo conmóvenos a morte de Xesús na cruz "...e, logo, non hei beber o cáliz que me deu o Pai?"

Que non se perdan os valores inspirados nesta lección sublime de vida e, por certo, grazas polas persoas traballadoras.

Pin It