Imprimir
Visto: 469

Sóavos o nome de Iñaqui Perurena? Ven sendo un varudo navarro especialista en deporte vasco, en concreto, na modalidade de botar ao lombo pedras. Este fenómeno chegou a erguer cunha man preto de 270kg e coas dúas acadou a marca de 320kg. Impresionante despregamento combinatorio de forza e técnica. Tampouco teñen desperdicio os saloucos que acompañan ritmicamente o esforzo, para recrearse, todo un campión!

Imaxino que nas canteiras e nas obras rifaríanse a este señor.

En Lugo somos testemuñas da resistencia das construcións feitas con pedras, pensade nas mámoas, na Muralla, nun miliario ou na Catedral, fican inamovibles ao paso de anos, mesmo dos séculos. Quen, por exemplo, se atreve a mover un marco dos de verdade? Os marcos tipo estacas de formigón non contan, seica emparentan con esas columnas hiperactivas que se agochan nalgúns garaxes. Dende aquí reclamo que se recoñeza o cambio de marco coma deporte típico galego.

Estes días subín ata o camposanto para facer o rito do derradeiro adeus dun defunto. Alí, nese lugar de descanso, o féretro é introducido nunha cavidade escavada baixo terra ou construída a xeito de parede, en rematando tal proceso exequial sélase a sepultura cunha lápida pétrea. Os sepultureiros encárganse do movemento e colocación das campas de mármore.
Na Vixilia Pascual recordamos o enterro de Xesús e cando as mulleres ían ao sepulcro con perfumes para completar a mortalla do corpo. “De camiño comentaban entre elas: Quen nos arredará esa lousa pesada?” Non se imaxinaban que a descomunal pedra da sepultura quedaría arredada para sempre.

En chimpar pedras ninguén está a altura de Xesús. El veu ao mundo para iso, namentres, nos enredamos en lerias e pasatempos que nos despistan en canto ao sentido da morte, arrefriando o entusiasmo de vida pascual. Sepultamos a chispa, o que nos da vida e alegría, como se puxéramos pedras enriba do noso espírito en lugar de arredalas... Estas son algunhas pedras que nos sepultan en vida: violencia física e psicolóxica, odio racista, confrontación ideolóxica, envexa, medo e inseguridade ante os descoñecidos, illamento clasista, abandono afectivo que produce soidade, novas escravitudes tecnolóxicas, depresión, padecemento moral, individualismo pandémico, oficialismo trampón, cultura do descarte, santificación de todo o artificial e, celebración dunha morte eutanásica.

“Pero, erguendo a vista, descubriron que a lousa estaba arredada, iso que era moi grande.”

Celebramos que a pedra que selaba o sepulcro do Señor non está no seu sitio, porque a Vida emerxeu daquela cavidade baleira onde deixaran o corpo de Xesús. En triscos e polos aires saltan todas as lousas que funden o entusiasmo das mulleres e dos homes de ben.

“Non vos espantedes. Buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí, resucitou. Mirade o lugar onde o puxeron.”

Estiven ollando o solpor deste día e, namentres baixaba o sol, escoitei unha gran noticia: que despois da cruz hai vida! Resucitou o Señor e quitounos un peso de enriba!

Felices Pascuas.