Imprimir
Visto: 845

Estes días de Pascua acude a súa cita anual a primavera, e chega ataviada co seu manto de flores, e salpicada cunhas gotas de fragrancia que desprenden para nos deleitar un arrecendo típico a frescor de herba. A que concordamos se vos digo que esta é a estación máis fermosa do ano?

A primavera non detén o seu ritmo de revolución de vida, mais de cando en vez, parécenos que volve o inverno. A previsión meteorolóxica predixo unha baixada brusca das temperaturas por mor dunha borrasca. Amenceres intensos que se dilúen nunha atmosfera húmida e fría. Hoxe choveu.

Trala resurrección do Señor chegan eses encontros tan especiais que consolidan a fe do grupo dos elixidos. Aos poucos a tristeza e as dúbidas convértense en alegría desbordante, como dun manancial brotan experiencias de vida e amor: Está vivo! Resucitou! Vímolo! E, de súpeto, topámonos co testemuño comprometido e arriscado duns poucos "visionarios". A experiencia transformadora da Pascua contáxiase e convida a berrala por todas partes. O efecto da resurrección lanza a igrexa porque crea unión no corazón de todos: parecen un, viven pensando no ben común, comparten, loitan e cren. Asistimos ao florear da igrexa, é primavera.

Na Pascua celebramos a forza da vida que prende en todos nos, enchéndonos de fe e de esperanza. As veces este intenso e emotivo proceso muda inesperadamente e achéganos incertezas e dúbidas. Sucede un  cambio brusco, un empeoramento que intimida o ánimo das testemuñas e debilita os efectos da Pascua. Caeu un trebón de incertezas e debilidades e sacudiu esta primavera tola, e o resío da noite queimou algúns abrochos. “Tomé contestoulles: Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo, como non meta a miña man no seu costado, non crerei.”

O clima non sempre é plácido, e para aturar eses días desapracibles convén estar ao abeiro da comunidade. O andar separado do grupo e disperso non axuda a consolidar a fe. Tomás, o apóstolo incrédulo, métese de cheo na Pascua a través da comunidade, e acompañado, toca as feridas de Cristo e volve integrarse no grupo. “Tomé Respondeulle: Meu Señor e meu Deus!” As feridas abertas que identifican a Xesús curan esas outras feridas que leva Tomás na súa chola en representación da raza humana. Así, os medos, as dúbidas, a desconfianza, a sospeita, a mediocridade e o pecado vólvense aceptación e confesión de fe.

Neste Domingo chamado da Divina Misericordia facemos unha súplica: que busquemos e recoñezamos ao noso Deus e Señor na Parroquia, que sande a cativeza da nosa fe, e que nos conceda a súa paz e alegría.