Imprimir
Visto: 410

Podemos ver como un eixo conector nas tres lecturas deste domingo: o amor como forza dinamizadora da vida crente.

  1. Amor integrador. Os xentís, que eran os “raritos" na época das primeiras comunidades cristiás, tamén reciben o bautismo. Pedro acéptaos na comunidade porque eles recibiron o Espírito Santo e, por tanto, non se lles pode negar a auga do bautismo. Xa non haberá nin xudeus nin xentís, senón todos unidos como membros dunha mesma comunidade.
  2. Amor que nos fai a todos iguais. Unha mirada de amor basta para que desaparezan categorías e privilexios. Por certo, Pedro dille a Cornelio: "levanta, non ves que son un home coma ti", por se algunha vez nos cremos superiores ou con máis méritos que o resto dos humanos.
  3. Amor fonte do coñecemento de Deus. Como coñecer a Deus? Ama ás persoas que te rodean e proxecta amor sen interrupción. Quen durante a vida se empeña de amor, ese alcanza o coñecemento de Deus.
  4. Amor en exercicio. Seguro que coñeces a algunhas persoas que son exemplo de entrega e compromiso. Pois, mira, eses son exemplos de amor en estado puro, efluvios de eterna paixón que brotan no sinxelo e cotián da vida. Ten amor quen entrega libremente a súa vida por alguén sen estridencias e sen buscar recompensa. A mensaxe convence se vai acompañada de feitos fraternos, de xestos de servicio e entrega. "Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor maior ca este, que un dea a súa vida polos amigos."

Non lle des máis voltas, que as cousas do querer carecen de lóxica, ti ama e fai o que queiras.