Imprimir
Visto: 793

“Seredes as miñas testemuñas polo mundo adiante.”

Versión 1: Eles quedaron fitando para o ceo mentres Xesús marchaba.

Versión 2: Eles saíron a predicar por todas as partes.

Aos primeiros presentáronselles uns homes que lles dixeron: que facedes aí fitando ao ceo?

O testemuño non consiste na contemplación pasiva do que temos enriba das cabezas. Dicimos que o Señor ascendeu ao ceo para evidenciar a súa condición divina: está por riba de todos nós, procede do ceo e perténcelle o ceo. Xesús, o fillo de Deus, baixou do ceo para cumprir a vontade do Pai: de amosarnos o seu amor e darnos a súa salvación. Xesús non veu ao mundo coa pretensión de facernos miopes que pescudan entre as nubes a presencia de Deus.

O Señor ha volver! Quedamos, pois, encargados de darlle vida ao evanxeo namentres o agardamos. Nada de cruzarse de brazos, nin deixar que morra a luz das nosas lámpadas; somos enviados para facer realidade no mundo a Palabra de Deus. O Reino tampouco fuxe cara o ceo, témolo nas nosas mans para coidalo e facelo medrar.

O Señor está no ceo e baixa para habitar agochado na faciana dos irmáns e no necesitado. As trompetas afinan as notas da caridade, e os cantos que acompañan esa melodía marcan un compás de comuñón fraterna. Cantádelle a Deus, cantádelle. Cantádelle ao noso Rei, cantádelle. E cantádelle con xeito!

Para saber das cousas de Deus mira cara o teu interior, alí, no íntimo e reservado, hache falar Deus e descubrirás o misterio do amor. Os habitados por Deus séntense enviados a pregoar a súa grandeza por todas partes.

Acompañados por uns signos: Demos fora (non caben supersticións) Linguas novas (falar o idioma humano) Collerán serpes coas mans (enlarafuzarse?)  De beber veleno non lles fará mal (mesturarse cos problemas da xente non mata) Impoñeranlle as mans aos enfermos e quedarán sans (a curación non é inmediata pero a gracia de Deus sempre é eficaz).

Dos auténticos seguidores de Xesús sabemos que saíron a predicar por todas partes, e o Señor cooperaba e confirmaba a Palabra cos sinais que os acompañaban.

Ala, pecha a boca e céntrate na versión orixinal do conto!