Imprimir
Visto: 384

Esta noite deume por barrenar nas cancelas que cerraban as fincas da casa. Dou conta dalgunhas pertencentes á casa Torreiro, familia que me acolleu ao espertar á vida. Así, dous destes cerramentos atopábanse no prado do Pozo, unha finca con dobre entrada: acceso pola estrada de Melide para a xente e, alternativo para as vacas, por un camiño que nacía na Pista de Barazón e morría nos prados lindeiros co río Furelos. Paréceme ver as cancelas do Agro de Arriba e do Agro de Abaixo, mesmo a dos Cruceiros, a do Lameiro e Portaleñandres. Para as novas xeracións dicir que este aparello empregábase para pechar as propiedades, evitando así calquera indesexable acceso de intrusos cuadrúpedes e bípedes. A cancela, por suposto, era un indicador de que a propiedade recibía todas as atencións e coidados por parte do dono. Como podedes imaxinar o devandito elemento construtivo era moito máis que un sistema de peche, por si mesma pasaba a ser un distintivo, unha especie de etiqueta que identificaba a propiedade co propietario. As cancelas posuían un estilo propio con notables diferencias dependendo da mestría do artesán. Imaxinade que fermosura esas parcelas pequeneiras, rodeadas por un balado de pedra e pechadas coa súa canceliña. Con máis o menos coidado construíanse as cancelas, un chisco máis refinadas segundo o seu emprazamento e o uso da propiedade. Por exemplo, ás hortas situadas preto da casa correspondíalles unha entrada mellor, un chisco máis refinada. Para ensamblar a cancela aproveitábanse sobrantes de táboas en bo estado, o carpinteiro, sen plano, improvisaba sobre a marcha.

Cantos estragos por culpa do somier de láminas de madeira! Tantos como somieres metálicos exiliados ocupando o posto que historicamente lles correspondera ás cancelas. Mágoa que chimparan ás cancelas dos xardíns, hortas, galiñeiros, e fincas en xeral! Pregoaba a publicidade: "Símbolo do descanso"? Mais eu diría: símbolo de decadencia e inicio dunha época denominada "feismo rural".

Vexo a cancela do curro do Bo Pastor e, recréome pensando no carpinteiro artesán que acariñou cada pau daquela obra e, distingo un estilo sobrio, elegante e inconfundible. A cancela do curro foi labrada ao son de historias fermosas contadas con calma, que inspiraban paz e tocaban o corazón. Adiviño unhas mans máxicas que transformaron os madeiros en benvida. Entrar e saír, xogos, apertas e vida. Algo esmendrellada, adozada e fiel, así fica a cancela do curro do Bo Pastor.