Cando a nosa faciana estarrica as comisuras dos beizos levándoas cara as orellas experiméntamos unha sensación anestésica de benestar e alegría. Os mellores especialistas na arte de sorrir son os nenos. Puidera darse o caso de que o estado natural das persoas fora andar sempre co sorriso posto, como os nenos. Imaxinádevos que bonito e agradable sería un mundo así, co sorriso posto, un mundo de nenos entre cero e cen anos.

Por que motivos perdemos a frescura e a capacidade de rir?? Claro, as cousas dos maiores!

Na igrexa pecamos en exceso de facer representacións ríxidas e adustas, pouco axeitadas de Xesús, da Virxe, e dos Santos. No interior das igrexas vemos, por exemplo, imaxes con facianas pálidas, serias e tristes, cores apagadas, escasa luz, silencios mal entendidos, rixidez nas formas, palabras e oracións que non entendemos, etc.

Unha igrexa sen alma de neno é como unha igrexa sen luz.

Vexo a Santo Antonio percorrendo os camiños que transitan entre Portugal, Francia e Italia, como bo franciscano camiña e contempla, canta, asubía e fala coa xente. Un home novo con bastantes achaques de saúde pero optimista e decidido. Santo Antonio mantivo a tensión ate o derradeiro alento, nin baixou os brazos nin se apagou o seu sorriso.

A imaxe de Santo Antonio ten ao Neno Xesús no colo, fálanos daquel cariño que o santo profesaba polo Neno Xesús. Contan que nunha ocasión pouco antes de morrer o frade franciscano foi acollido no pazo dun señor rico, este cheo de curiosidade asalaba a Santo Antonio por entre as regañas da porta. Unha noite caeu de cu ao ver como o mesmo Neno Xesús xogaba e ría con Santo Antonio. Disque a alegría e a saúde dos meniños é altamente contaxiosa daquela o noso patrón, representado co Neno Xesús en brazos, hóubose contaxiar da paixón divina pola vida.

Quedamos todos invitados a sumarnos ao xogo da vida no que Deus participa e nos dá alegría.

Pin It