BIBIANA CABO RODRÍGUEZ
PREGÓN DE NADAL
Ola, boas tardes a todos. Como estades?
Reunímonos, xuntámonos hoxe aquí, na Igrexa de San Antonio de Padua un grupo heteroxéneo, diverso, de persoas porque temos algo moi importante, moi especial, que CELEBRAR, A CHEGADA DO NADAL.
E, vaia, esquecín a cinta métrica, non sei canto mide esta nosa igrexa, pero NA CASA DE DEUS, que se estende moito máis alá destas paredes, ata o infinito, CABEMOS TODOS. Dá igual a nacionalidade, dá igual a procedencia, dá igual o ADN, cabemos, caben os guapos, os feos, os máis espigados e os pequerrechos, os meniños, os adolescentes, os adultos e os máis nenos, os máis formais e devotos e os trastes, falcatrueiros. Cabemos, caben, ata as OVELLAS desviadas que intentan volver ao bo carreiro e mesmo o LEÓN MÁXIMUS, co seu ruxir e bailoteo. Velaí o tedes, por aí o tedes.
E TODOS SOMOS IGREXA, podemos ser igrexa, transmitir a vontade, os mandatos, os desexos de DEUS aquí, entre estas paredes, vidreiras, portas de madeira pero tamén e, sobre todo máis aló, fóra, na rúa, no noso entorno. PODEMOS FACER IGREXA CON BOAS OBRAS, ACCIÓNS de amor, de paz, de xustiza, de valentía, de piedade, de consolo, de caridade, de misericordia, de paciencia, de humildade, de VERDADE. Fóra a mentira, a falsidade, a hipocrisía e, por suposto, a cólera. Podemos ser igrexa evitando as pelexas no colexio, no traballo, na rúa, na casa; convivindo en paz cos amigos e cos que non o son tanto, consolando ao que vemos triste, tristeiro; perdoándolle ata setenta veces sete ao que se arrepinte dunha trasnada, dun erro, dun mal comportamento, dun mal feito, nada de vinganza; compartindo o noso, o que temos, colaborando na casa, sendo amable con todos, aceptando ao diferente, axudándolle a integrarse a alguén que chega doutro sitio, doutro pais, coidando aos nosos maiores, sendo agradecidos, etcétera, etcétera, etcétera, un longo etcétera.
CANTAS COUSAS! NINGUÉN DIXO QUE FOSE FÁCIL facer todo isto, algo disto, seguir o bo camiño. E menos neste mundo actual de présas e présas, de mil cousas ás que atender, cun reloxo que corre ao tolo e non nos regala tempo para nada, ao ritmo dunha vida estresante que nos atrapa e nos despista, nos perde.
NON É FÁCIL PERO DEUS COÑECE AS NOSAS DEBILIDADES E, aínda que a veces nos xurda a dúbida, SEMPRE SEMPRE ESTÁ AÍ, aquí, para axudarnos. Fáisenos presente a través do próximo, ÉL É A MAN a través das persoas que temos ao noso lado, o noso carón, e que nos coidan. QUÉ BONITO É SENTIR O AMIGO QUE NOS AMPARA E MÁIS AÍNDA, QUIZAIS, AO DESCOÑECIDO QUE NOS AMPARA. Sos é todo máis complicado. Persoalmente recoñezo que sen OS MEUS PAIS, todo amor e sacrificio, eu non podería tirar para adiante, vivir como vivo.
TODO É MÁIS DOADO EN UNIÓN, EN COMUNIDADE, como estamos hoxe, esta tarde aquí. PORQUE DIFICULTADES HAINAS, todos temos, sufrimos algunha nalgún momento, ninguén pode fuxir delas.
ÍDESME PERMITIR PERSONALIZAR, CONTAR UNHA MIÑA. Un día, de repente, de súpeto algo acontece, ¡pum! e cámbiache a vida. Déixate estarrecido, petrificado, case inerte… Diabética dende os 5 anos, cando a miña meniña tiña uns 6 meses apareceume, abríuseme unha ferida nunha deda, nun dedo do pé esquerdo. No canto de curar deulle por empeorar, estendeuse aos outras dedas. Os doutores de Ciruxía Vascular DO HULA, dirixidos polo doutor José María García Colodro e coas enfermeiras Natalia e María José como inmellorables aliadas, intentárono todo comigo, dende un bypass imposible porque tiña as arterias moi calcificadas ata a inxección de células nai. Pero nada funcionou, o pé poñíase cada vez peor, a dor era terrible. As opcións, aguantar esa dor ou tomar tanta medicación que vivía totalmente atontada, coma no limbo. Opcións ata que acabou se me acabou gangrenando unha deda e FOI XA INEVITABLE A AMPUTACIÓN transtibial da perna esquerda. Un ano e medio despois, obrigada tamén a amputación da perna dereita.
E entón, que? O primeiro, as interrogantes, o desconcerto. Que foi, que pasou, quen son, que fago? Pecho os ollos, paralízome, chego a dubidar se vivir así vale a pena, QUERO MORRER… Pero de súpeto un día, seguriño que foi cousa de Deus, sentín así un click na cabeza que me axitou as neuronas e me espabilou a mente: Eu podía elixir entre renderme ou vivir, gozaba dese PRIVILEXIO DE ELIXIR que outros moitos non teñen, non tiveron, como a MIÑA PROPIA IRMÁ, en paz descanse. O cancro non lle deu a opción, alternativa de escoller. EU NON LLE PODÍA FALTAR AO RESPECTO COA MIÑA RENDICIÓN. E ADEMAIS TIÑA, TEÑO, UNHA FILLA ADORABLE POLA QUE LOITAR. AS MIÑAS MARÍAS SON A MIÑA FORZA, como di unha canción, as miñas PERSOAS VITAMINA.
COA AXUDA DE DEUS, SE DEUS QUERE, ALGÚN DÍA VOLVEREI POÑERME EN PÉ CUNHAS PRÓTESES. Teño momentos de baixón, claro. Pero tamén a idea clara de tirar para adiante, QUEN QUEIRA PARARME NON PODERÁ. Non importa cantas veces caias, o importante é cantas veces poidas erguerte.
NAS DIFICULTADES VEN O SEÑOR A SALVARNOS
PARTE 2:
COMO VOS DICÍA AO PRINCIPIO, VIMOS HOXE AQUÍ A DARLLE A BENVIDA AO NADAL, EN COMUNIDADE E CON MAXIMUS. Mirádeo, coido que ata foi o barbeiro, ata se cortou o pelo para estar hoxe guapo. A min gústame máis así, co cabelo curtiño.
NO PAZO, MÁXIMUS, os afeccionados e o equipo, os xogadores do Río Breogán dirixidos polo técnico Luis Casimiro, FORMAN UN EQUIPAZO.
Aquí, NA IGREXA, o párroco, Don Alberto, e os fieis, GUIADOS POLO SANTÍSIMO DEUS, FORMAMOS TAMÉN UN EQUIPAZO, cos mellores propósitos. Aquí xogamos todos, competimos e gañamos todos co AMOR como a nosa mellor calidade, a nosa gran baza.
No Breogán xogan DIBBA, COOK, RUSSELL, APIC, FRANCIS ALONSO, ARANITOVIC, SAKHO, MAVRA, BRANKOVIC, ERIK QUINTELA, ANDRIC E ARTURS KURUCS, espoliados polo gran MÁXIMUS e polos seareiros que crean un ambiente realmente envolvente, máxico, no Pazo. TODOS A UNHA, como aquí os fregueses de San Antonio.
E COMO O MEU XUNCAS DIVERSIA, é o meu equipo de baloncesto. Podédelo crer, eu tamén xogo. Agora non, que estou lesionada, operada das cervicais, pero XOGO AO BALONCESTO ou algo parecido, é un dos meus ALICIENTES. Fago deporte, síntome con máis mobilidade, desconecto dos problemas por un tempo e axúdame sobre todo emocionalmente. Somos un grupo, facemos piña, ata nos rimos da nosa situación, creamos familia. E, como di o nadador paralítico GUILLERMO GRANU, A MIÑA CAPACIDADE É MAIOR QUE A MIÑA DISCAPACIDADE.
COA FORZA DE DEUS TODO É POSIBLE. NADA HAI IMPOSIBLE PARA DEUS
PARTE 3:
INSISTO, REUNÍMONOS AQUÍ ESTA TARDE PARA DARLLE A BENVIDA AO NADAL.
Este próximo DOMINGO 21 É XA O 4º DO ADVENTO, o do Amor. E O DÍA 25 ILUMINARANOS POR FIN ESA LUZ QUE AGARDAMOS, O MENIÑO XESÚS, que nace no portal de Belén.
Fíxose agardar, faise agardar, aínda non o temos aquí no presebe. Levamos todo o que vai de ADVENTO, CASE 4 SEMANAS, PREPARÁNDONOS para recibilo, asexantes, vixiantes, a alerta. E, ¿CÓMO DEBEMOS RECIBILO? CON ALEGRÍA, por suposto. Non importa o que ceemos. Que tiñan María e Xosé no presebe? Non importan o marisco, as larpeiradas (aínda que o turrón si que está bo, sabe ben). O MÁIS BONITO É ESTAR XUNTOS, EN FAMILIA, facer familia. E FALTARANOS XENTE, máis vella e máis nova, que xa está no ceo. E BOTARASELLE DE MENOS, pois claro, quen o nega? Pero escoitade o corazón, AS AUSENCIAS ESTÁN, ESTARÁN TAMÉN CON NÓS, MOI PRESENTES. E QUEREN A NOSA FELICIDADE, o noso sorriso. Como di o POEMA que pode lerse na pedra da entrada do CEMITERIO DE SAN FROILÁN:
"Podes chorar porque se foi,
ou podes sorrir porque viviu.
Podes pechar os ollos e rezar para que volva,
ou podes abrilos e ver todo o que deixou.
O teu corazón pode sentirse baleiro porque non o poder ver,
ou pode estar cheo do amor que compartistes.
Podes chorar, pechar a mente,
sentir o baleiro e virarlle as costas,
ou PODES FACER O QUE A ELA (EL, ELES) LLES GUSTARÍA:
SORRIR, ABRIR OS OLLOS, AMAR E SEGUIR."
GRAZAS A DEUS POLA VIDA, BO NADAL A TODOS
