Liberdade!
Aquel berro traspasou os meus oídos e fixo tremer até os miolos da miña sensibilidade. William Wallace, triturado pola dor e no derradeiro alento, lanzou un bramido atronador. A algarabía do macabro público, que agardaba do reo unha súplica de clemencia, mudou en silencio e todos desapareceron do redor do cadafalso. Liberdade!
O caudillo escocés combateu a tiranía e inspirou a moitos compatriotas a rexeitar o asoballamento inglés. “Viñestes a loitar como homes libres. E homes libres sodes!. Que fariades sen liberdade? Loitaredes?.” Morreu o soldado no combate sen darlle as costas aos perigos e arriscando a propia vida.
Fazañas que perduran na memoria dos tempos e serven de estimulo para rescatar os valores máis sublimes que repousan no corazón da raza humana.
Nacemos libres e iguais e no gran exercito da humanidade combatemos fraternalmente na defensa dos dereitos fundamentais. A liberdade conquístase cando actuamos despois de valorar responsablemente diversas posibilidades. Ser libre non é estomballarse posuído pola cachaza. Quen usa da indiferenza ou da apatía cos problemas sociais tampouco é libre. Nugallán un, merdento outro. Falemos de liberdade cando vexamos xente como Deus manda, responsables e comprometidos. Ir de virachaquetas, hoxe dicir unha cousa e mañá outra, non o consideramos maduro. Pandeireteiros e bailanacribas a esgalla que non homes e mulleres libres. Desertores cagarolas, traidores infieis da disciplina e da convivencia.
Por fortuna o modelo social que consentía a escravitude e infrinxía castigos físicos e psíquicos está en extinción.
Pero, somos libres? Palpamos e cortamos os fíos delgadiños que inutilizan a nosa conciencia e nos arredan do ben común e da realización persoal?
Coas portas atrancadas das nosas fortalezas batallamos pola liberdade. Si, libres no cativerio porque cumprimos o concordado. Fidalgos fieis que se realizan na procura do seu ideal, asumindo todo tipo de renuncias.
“Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus. Coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres. E se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade.”
Firmeza e convencemento para imitar o exemplo de aquel que posuído polo amor loitou e morreu pola salvación da humanidade.
Seguireite e loitarei con valentía.
Seguireite a Ti, meu Irmán, meu Capitán, meu Señor.
Por Ti e por todos.
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa