Imprimir
Visto: 967

Declaro a miña sorpresa ante a proliferación de mentiras e medias verdades a que asistimos esta tempada. Estou a falar dos bulos. A saber: noticia falsa que se difunde, xeralmente, co fin de prexudicar a alguén. En galego de sempre: bóla. Aparte dos gardametas, futbolistas profesionais, a quen non lle meteron unha bóla? Gástanse bromas e métense bólas o día dos Santos Inocentes. Claro, a festividade dos Inocentes xa foi e tampouco está o forno para bólas. Pero, nin con esas!
O mundo está cheo de pillos e pillas. No país patrio recoñecemos certas tendencias e debilidades. Por exemplo, a envexa ou os contos de levar e traer. Hai cousas que nin o confinamento é quen de cambiar. Mentiras e murmuracións forman parte do caldo de cultivo desta corentena... estase a investigar unha vacina.
Un bulo créase por uns intereses segredos, que transgriden a lexitimidade, manipulando a opinión pública. Tras o barullo dos chismes agóchanse segundas intencións. Amigos, a peste chinesa trouxo canda si toses, febres... e chismes. Permanezan confinados para ir librando destas merdas!
Resulta incómodo saberse no punto de mira de xente cubilleira. Os desta especie son áxiles cazadores, nómades, en aparencia sociables, e o seu hábitat idóneo atópase en charlas, conversas e lerias. Deus nos libre das pecadoras linguas!
Existen compañías con estruturas integradas nos servicios de intelixencia dos estados que se dedican a espiar aos cidadáns nas redes sociais? Viven do conto? Serán contos? «Teñan coidado aí fóra» dicía o sarxento Esterhaus de Canción triste de Hill Street.
“Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus. Este veu onda el pola noite e díxolle: Rabbí, sabemos que viñeches de Deus coma mestre, pois ninguén pode facer estes signos que ti fas, non sendo que Deus estea con el.
Respondeulle Xesús: Con toda verdade cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ver o Reino de Deus.”
Nicodemo: principal entre os xudeus, sabio, versado na lei, mestre en Israel e millonario. Este reputado xudio devecía por ir onda Xesús, no entanto, a súa reputación e o medo ao que dirán impedíanllo. Achegouse con discreción, ao amparo da escuridade, libre dos ollos indiscretos que rosman e meten presión. O camiño daquel prestixioso fariseo rematou ao pé de Xesús en quen está a verdade indefectible.
Onte e hoxe celebrar certas amizades non está ben visto, así e todo, hai que andar!
Fuxe das falsas seguridades e da confusión do mundo. Non te acolloes polo rosmar da xente. Pasa dos bulos e das bólas. Corre e ponte a refuxio a carón do Amigo. Escoita o que che di: nacer de novo, volver a empezar.
Sempre hai tempo para celebrar un novo nacemento.
E, se falan? Que falen!
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa