- Detalles
- Visto: 898
Cando programo unha saída teño en conta varias cousas: os días que vou estar fora, a distancia que hai ao lugar de destino, consulto a previsión meteorolóxica, fago provisión da roupa necesaria, e calculo, grosso modo, os cartos que vou gastar.
Todo supeditado á motivación da viaxe, de pracer ou traballo. Repercute a época do ano, e tamén, se vou só ou acompañado.
A miña planificación é francamente mellorable. Improviso e déixome levar dependendo do momento. A finalidade pasa sempre por ter unha experiencia agradable, un recargar pilas para seguir choiando.
Saír a comer ou cear de restaurante reláxame e desfruto moito. Non abuso, que hai que mirar pola economía.
No presente, nun exercicio de realismo pragmático, doume por satisfeito se podo achegarme á miña casa de Chorén. A curto prazo non teño outra cousa prevista. Esquecía contar que fago moitas viaxes nocturnas, explícome, viaxo en soños, namentres durmo a cabeza lévame de paseo.
Agora pensade nun destino apetecible e planificade, que soñar é gratis!
“Dille Xesús á xente: ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día.”
Aviso para os viaxeiros do voo "vir onda min". Señores pasaxeiros diríxanse cara as portas de embarque. Grazas e boa viaxe.
Unha viaxe que o tivera todo. Un destino distinto que superara todas as expectativas: compañía inmellorable para o recordo, paraxes naturais para sorprenderse, comidas agradables para compartir intimidades, diversións para escachar a risas, tempo abondo para esquecer o reloxo, en fin, unha viaxe redonda.
Alguén nos convida a chegar a ese sitio. Non é un soño. Non te cargues de chilindradas, alixeira a equipaxe, e pon rumbo cara ese destino exclusivo.
Aínda non te decataches? Por favor, abrochen os seus cintos!
O avión corre e colle pista. Vai despegar. Queres perder o teu sitio? Improvisar na derradeira saída?
Ven, e sube ao Pai de todas as viaxes! Por certo, sen data de remate.
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa
- Detalles
- Visto: 905
Todas as tendas están pechadas e necesito facer un agasallo. Desta volta non improviso que tempo teño dabondo para pensar. Gustaríame mercar algo orixinal. Un fastío cando quen racha o papel esboza ese sorriso finxido intentando disimular a decepción. Nestes casos recomendo non preguntar se gustou. Cumpriches pero non atinaches.
Non sempre funciona regalar algo útil ou necesario, por iso nunca desboto o factor sorpresa. Quero atinar, percibir esa sensación de satisfacción cando o agasallado vexa o meu presente diante. Inesperado, de maior o menor valor, pero que non se adiviñe. Que fica atónito e non artella palabra? acertaches, e punto. Marcha tranquilo se de volta ven unha aperta e un bico.
O galano heino envolver en papel de ilusión, estampado coas cores do agarimo e da amabilidade. Doulle voltas e máis voltas.
Cómpre, ademais, crear un ambiente de intriga, manter a expectación e, pouco a pouco, ir desvelando o segredo. Moi recorrido o de empaquetar estilo bonecas rusas, esta opción queda desbotada.
Creo nos agasallos. Sei que no fondo sempre esperamos recibir unha mostra de cariño. Instalados na rutina atrofiásenos a capacidade de improvisar, de entusiasmarnos, de inventar cousas novas portadoras de vida, de agasallar.
"Di Xesús: Bendito sexas, meu Pai, Señor do Ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei..."
Nada se exixe, quen regala faino por amor, porque lle da a gana.
A cor do manto verde, o azul das augas profundas, a bóveda celeste… todos foron discorridos con paciencia infinita. As mais e os nenos, os amigos fieis e verdadeiros, a vontade de entendemento… todo froito do enxeño. A flor, a abella, a choiva, o lapis e unha letra… son demostración do amor que crea.
As veces non valoramos o suficiente estes detalles. Cos pés afundidos na terra do existencialismo perdemos de vista o horizonte por onde o sol nos regala un novo día. Para que esperar se o podo mercar? O apetito desta sociedade de sabios e ricos estragou a capacidade de sorprenderse.
E haberá regalos para os pobres, os vellos e os que están enfermos? Si, os coidados e os mecos, a compañía da familia e, por suposto, a cruz como guía.
Deus manexase por criterios de amor e xenerosidade. O seu tacto, na lista dos agasallados, da prioridade aos humildes.
Teño algo para ti. Un paquete de alguén especial. Gustaríame que o abriras amodiño. Un misterio está agochado no seu interior. Emociónate. Único, orixinal e personalizado. O galano perfecto.
Quero que saibas que o máis precioso é o sentimento que nos une. Para min o importante es ti. Quero que saibas que hoxe, mañá e sempre estarei ao teu lado. Ámote sen condicións. Conta comigo.
Felicidades.
Espero que che guste.
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa
- Detalles
- Visto: 977
Teño un amigo que non é gandeiro nin toureiro pero os cornudos bravos inspiran o seu enxeño. Os hastados que pinta posúen unha gran cornamenta anque os cornos sexan de cor distinta e algo retorcidos. A fronte ancha e o pelo curto e rizo. Ollos pequenos pero de mirada agresiva. Ancho e poderoso o peito destes bichos. Os fociños inchados e retorcidos. O rabo largo e medio levantado. Touro bravo, de pelexo duro e de cor negro escuro. De patas lixeiras e con pezuños de lume e ferro.
Ninguén dubida da súa bravura, fereza e poderío. Este temido animal da natureza non se domina levando na man unha verza, máis ben, cómpre arte e valentía.
Eu penso que o meu amigo cando fala do touro quere falar da vida. Un touro que sae do cortello pola mañá de todos os días.
Oístes, hai que coller o touro polos cornos, tourear con mestría!
“Entón díxolles Xesús: Con toda verdade volo aseguro. Non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo, pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle dá vida ó mundo.
Dixéronlle entón: Señor, dános sempre dese pan.
Temos memoria e honramos ás xentes do pasado, aos nosos devanceiros. Eles saíron á praza e tourearon deixando lances para o recordo. Verónicas, chicuelinas, pases de peito, eu que sei! Os de antes tourearon con mérito. O touro témolo diante e achégase correndo. Un virus, unha crise económica, a depresión anímica, calquera cuestión persoal, familiar e social. Un touro que bufa e mete medo.
Moisés deu bos pases co capote da fe, a súa entrega gravouse nos anais da historia. Moitos exemplos a seguir, pero, a faena está para nós.
Todos desexamos saír pola porta grande. O destro, denantes do paseillo, encoméndase a Deus e pide a axuda que baixa do ceo. O matador sabe, de certo, quen é o pan da vida.
Prepárate ben, que o touro non te pille no medio das verzas. Sae con valentía e tourea para obter a recompensa do rabo e das dúas orellas. Que reluza ese toureiro que levas dentro! Olé, olé, olé!
Co corazón e coa axuda de Deus gañaremos o pan e o respecto.
Por unha gran faena.
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa
- Detalles
- Visto: 852
Este ano non sei como será coas verbenas. Desta volta véxolles pouco futuro a eses festexos multitudinarios ao aire libre. Pouco rebumbio levantarán o Santo Antonio, o San Xoán ou Nosa Señora do Carme. Estrañaremos a algarabía pero o importante é ter saúde. E Deus queira nos vexamos dentro dun ano, que xa gastaremos pista!!
Si, este é un tipo de virus adusto e rabudo ao que non lle chistan as festas.
Para festas as de antes!
O Santiago de As Saamasas en Lugo. Contan os veciños que os festexos atraían a moreas de familias. Chegaban cedo e pousaban as cestas no prado para reservar mesa. Pan, tortillas, empanadas, lacón cocido, queixo, viño... manxares suculentos. Acomodadas polo campo e á beira do río, desfrutaban de Deus, da natureza e da veciñanza.
En Artoño, aldea de Agolada cuxo patrón é o San Ramón, organizábase unha das verbenas nocturnas con máis sona na contorna. Concerto da banda municipal e a continuación a orquestra do verán. Vellos con bo oído musical, donas e maridos con sentido do ritmo, mozos arrimados á barra onde os ramistas non dan a basto, faise cola para as atraccións do tiro e das lanchiñas, nenos correndo e molestando... Un veciño entrega no palco unha pulseira por se alguén a reclama. "Ha sido un placer acompañaros un año más, gracias a este maravilloso público y con este tema cerramos la función. Viva San Ramón!"
Ao día seguinte os máis pícaros madrugaban para buscar polo campo da festa algunha moeda ou obxecto perdido. Ían á rebusca.
“Nisto chegaron algúns e, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle: Mestre, cando chegaches aquí?
Xesús contestoulles: Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.”
Aquel día na camposa houbo unha gran romaría. Acudiu a xente toda da contorna. Nin misa nin concerto, soamente escoitar ao home e o seu rezo. Corría o murmurio entre os asistentes, dicían: unha prédica divina! Tanto lles pracía escoitar ao artista que se esqueceron do tempo e da comida. Do que alí en diante pasou dan conta os sentidos e tamén as barrigas. A ninguén lle faltou pan ou peixe.
A música que se oía de lonxe trouxo máis festeiros pero, á chegada dos últimos, naquel campo non quedara rastro. Estes eran trouleiros que non querían traballar. Xesús reprochoulles que andar á rebusca é de folgazáns.
Amigos, gañemos o sustento co traballo de cada día, sabendo que somos necesitados do pan que da a vida. E fagamos festa. Festa completa con misa, comida e verbena.
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa
- Detalles
- Visto: 888
O caldo é un alimento moi completo. Un prato ou unha cunca abondan para recuperar os folgos e avivar o ánimo. O meu preferido é o de verzas. Algo de anatomía do porco, a saber: touciño, bico, orella, lacón, costela ou soá. A pota con auga e que ferva aos poucos. Fabas das nosas. A verdura cun chouriciño, e regalo todo cun chorro xeneroso de aceite de oliva. Paciencia, e a desfrutar das delicias da cociña tradicional galega.
Enriba da cociña, nos tempos de antes, sempre había unha pota con caldo. Son un animal de costumes e manteño a tradición de cociñar este prato alomenos unha vez por semana. De neno a meirande parte dos domingos renovábase o caldo. Saboroso o recordo daqueles xantares co recendo da espesura escorrida e das talladas xenerosas de carne. Todos xuntos en familia saboreando a calor da mesa e da vida.
Descoñezo os motivos polos que non hai un día dedicado ao caldo. Esixo un día conmemorativo para este alimento que proporciona desde sempre enerxía á nosa Galicia .
“Ó entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo: Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba. Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.”
Uns camiñantes foxen de Xerusalén logo de presenciar a morte de Xesús. Trátase de dous discípulos, desalentados, incapaces de esquecer a historia que deixaban atrás. Falan de canto pasara para albiscar unha solución aos seus problemas. Van cargando coa vida.
De súpeto, tópanse con outro camiñante. Aquel home descoñecido rompe o xeo e pregúntalles de que tratan. Repasan a película. As vágoas apuntan nos ollos e as meixelas palidecen. A resposta, acompañada dun suspiro, abrangue expectativas e frustracións. A montaña rusa máis salvaxe deixara o mundo daqueles homes revolto en decepcións e tristura.
Entra connosco, quédate, que o caldo quenta o corpo. Sentados á mesa comeron algo quente. A conversa seguiu. Repuxeron forzas. Pero neste caso non foi o caldo senón a compañía, porque máis axudaron as palabras atinadas e os xestos precisos. As palabras que chegan e calman e os xestos que espertan e sacian.
O home misterioso colleu o pan da mesa e botou a bendición. Unha luz clara entrou na casa, e asemade, os amigos pasan de camiñantes a peregrinos.
Arestora os amigos cheos de calma, descansados e comidos, falan ao caso.
Algo pasou polo camiño! Un soño, un recordo, unha emoción? O acompañante non dixo adeus, el desapareceu. Ao unísono exclaman: Foi aquela comida con pan de vida!
E cheos de ilusión pola vida aqueles homes volveron a Xerusalén, ao punto de partida.
Mira, ninguén minte, Xesús camiña contigo. A súa presencia pasa desapercibida. El pregunta e escoita. Fala, levanta o ánimo e da esperanza.
Que non caia no esquecemento o descanso do camiño.
Entra na pousada.
Degusta o pan do Amigo.
Non deixes de tomar o caldo! O teu corpo necesita cousas quentes.
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa
Página 8 de 15