De regreso do camposanto fixen parada nas Saamasas, por botarlle un ollo a todo aquelo. A igrexa estaba no seu sitio, e o xardín do arredor inzado de malas herbas. Grazas que na sancristía  teño un sacho para as emerxencias! Esta, por suposto, requiría a miña intervención urxente. Falei comigo e convín remexer na terra co fin de arrincar as malas herbas. E tamén cavilei, voume distraer un pouco baixando o espiñazo.

Comecei  a labor con moito ímpeto. Avanzaba no meu propósito cando, de golpe, baixoume un lategazo na zona dos cadrís. Foi coma un lóstrego. De primeiras ves a luz e despois sentes o ruxido. Catro minutos engruñado de todo e sen poder desengoumarme. A dor semellaba a dunhas agullas bravas espetadas na zona onde o fío do lombo fai bisagra.  Aos poucos recuperei a verticalidade. Unha vez superado o susto e o desgusto volvín concordar comigo mesmo rematar o empezado. Que traballo feito non corre présa. Ninguén me mandou!

“0s que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporánlle-las mans ós enfermos, e estes curarán.”

Derreter aos demos a golpe de hisopo, falar chinés se cómpre, pasar por un “Frank de la jungla”, ser inmune a contaxios ou velenos, por as mans e operar milagres... unha marabilla recrear no maxín estas escenas.

Oístes, estes sinais dan moito que pensar e que facer. Coa man no corazón recoñezo que tales feitos poden resultar esaxerados ou incribles. A linguaxe bíblica posúe un sentido figurado, é dicir, que non se pode entender ao pé da letra. Os sinais, logo, expresan a grandeza e a importancia da misión. Nas nosas mans está transmitir e facer crible a encomenda do Señor.

A fe demóstrase nas cousas pequenas e vai pasando duns a outros a por de entrega, entusiasmo e sacrificio. Vaia sempre por diante a humildade como testemuño sinxelo e directo, entón, veremos realizado o soño do evanxeo.

Abofé, tanto dobrei o lombo que agora non son quen de me erguer, abofé que si!  

En homenaxe a todos os que dobran.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Os ovos do galiñeiro solidario "Me cuesta un huevo" déixollos a dúas mozas nos senllos comercios que rexentan, panadería e froitería. En cada despacho merco algo, e se me faltaran cousas, diríxome ao súper. Confésome atraído pola cociña e intento facer algunha receita ao tempo que me distraio. Incauto de min apañei a febre do pan que, tamén, resulta moi contaxiosa. Fago este diagnóstico epidémico despois de analizar os síntomas, un deles, os ocos nos andeis onde debera estar o fermento. De cada volta que paso a mercar volvo á casa cas mans baleiras. Sinal da expansión destas quenturas farináceas. Mais, grazas a certos contactos, na porta da neveira gardo fermento de panadeiro.

Fixen pan varias veces. A receita do pan ten o seu aquel. Os ingredientes na xusta medida. O proceso de amasado vigoroso e prolongado. A masa, como todo na vida, ben repousada. Sorprendente o aspecto da masa despois do tempo de levar. O forno, ao primeiro rabiando de calor, para ir baixando a temperatura. O recendo a pan fai recuperar o ánimo e, comelo, as forzas. Tenro, apetecible e saboroso.

Seguimos a falar do pan.

“Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Felipe: Onde imos mercar pan, para que coma esta xente?  (Isto dicíao para tentealo, que el ben sabía xa o que ía facer).

Respondeulle Felipe: Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.

Un dos seus discípulos, Andrés, o irmán de Simón Pedro, díxolle: Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, que é iso para tantos?

Xesús ordenou: Facede sentar a xente…

Cando se fartaron, díxolles ós seus discípulos: Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada."

Xesús é un panadeiro que traballa con agarimo. Busca os ingredientes pola contorna. A miúdo vese polo comercio local onde merca nas tendas máis cativeiras. A calidade senlleira do autóctono ofrece resultados caralludos. Preparada a maseira, comeza o traballo. Primeiro a fariña de trigo sen impurezas, que trigo e lerica comparten as leiras. Auga limpa para desfacer o fermento da Palabra. Unha medida pequena de fermento, coma un belisco, para que levede o amasado. O fermento ten esa capacidade, a de facer medrar e convertelo todo nunha sustancia esponxosa.

O pan quentiño para matar a fame negra. Tanta xente había no medio do campo que Xesús fixo dos apóstolos servidores das mesas. Eles repartiron o pan e, namentres o partían, tamén eles se ofrecían. Daquela xente non se soubo máis fame, todos fartos, uns marcharon e outros a descansar.

Os restos esparexidos asoman logo de degustar o saboroso reparto. Porque cando un sacia o seu apetito, esquecida a súa arela, é quen de compartir.

O milagre? poñer a disposición de todos o pouco ou moito que se teña.

Nada se estraga na mesa da fraternidade.

Dáse una identificación perfecta entre o panadeiro e o pan.  Aquel pan partido e compartido convértese nun indicio de sacrificio. Comer sentados á mesa, compartir o pan mailo viño, ten sabor de alta gastronomía. Sabor inesquecible o daquel pan. O mesmo pan que se encargou para a Última Cea.

Nútrete daquel Pan de vida para contaxiarte das mañas do Panadeiro.

Fagámonos pan para nos converter nunha soa unha cousa con El.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

En Santo Antonio de Padua, parroquia na que levo doce anos, descubro aos poucos a dedicación desinteresada de moitas persoas.

  • Voluntarios que organizan e colaboran na acción solidaria “Caritas”.
  • Voluntarios que traballan para manter os proxectos da horta e do galiñeiro.
  • Voluntarios que organizan e atenden aos nenos nas catequeses.
  • Voluntarios que participan e axudan nas festas litúrxicas: músicos, animadores, lectores, etc.
  • Voluntarios que propoñen e organizan outras actividades como rutas a pé, convivencias ou excursións.
  • Voluntarios de limpeza e mantemento das instalacións.
  • Voluntarios que financian proxectos varios.

O meu saúdo e recoñecemento a todos e cada un dos que contribuídes coa vosa entrega e ilusión a mellorar o ambiente da parroquia e da cidade.  

Fermoso ver persoas, tanto maiores como máis novas, que deixan percibir de modo concreto o seu amor. A raíz destes comportamentos altruístas e solidarios aliméntase de puro zume de amor.

Compromisos de cada un que empurran cara o encontro interpersoal e fan medrar interiormente. Opta por dedicar tempo aos demais quen desexa facer algo útil e con sentido, tamén quen busca novas experiencias. 

A peste chinesa, e antes outras miserias, asolan ás xentes da nosa contorna e do mundo enteiro. Día a día, máis sensibilizados, caemos na conta das penurias humanas. Aplaudimos o denodo e a entrega de milleiros de persoas que fan ben o seu traballo, redundando en beneficio da sociedade.

Ora ben, compartir as situacións humanas lacerantes sen esperar nada a cambio condúcenos a unha nova  forma de estar xuntos. A demostración de amor destas almas xenerosas está por riba de opinións e barómetros sociais. As achegas de capacidade, tempo, compromiso, entusiasmo e esperanza nun futuro mellor descóbrennos a faciana de Deus, un Deus crible e humano, o Deus de Xesús. Porque Deus non erradica o mal dende o ceo, senón compartindo connosco a realidade asolada de penas, enfermidades e inxustizas. Deus pasa por ser o Voluntario teimudo que loita por amor contra a adversidade.

“De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo...”

Non lle des máis voltas!

O Amor non ten lóxica.

 #QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Don Nicandro Ares, crego exemplar e mestre de filosofía, acompañaba dun sorriso o dito seguinte: cada un ten as súas “cadaunadas". Matizaba a riqueza e diversidade de pensamento, amais, remarcaba a fixación de hábitos, ideas e xeitos tan dispares entre os seres humanos.

Eu son así, é a miña opinión, é a miña verdade, aos meus anos xa non cambio,... con frases así expóñense as conviccións persoais como firmes, absolutas e inamovíbeis. Poida que non todo sexa xustificable. Pensemos nalgunhas condutas ferintes ou que sacan de couzón aos demais como insultar, ameazar ou faltar ao respecto. Escusas de persoas infieis e desordenadas que non teñen ningunha intención de facer un esforzo para cambiar. Repregámonos e pechámonos en nos mesmos. Acazapados nas trincheiras das cerrazóns rexeitamos con severidade ideas opostas. Feitos contrastados dunha guerra implícita que propaga un caos continuo. Liortas de aquí, da terra, que xeran gran descontrol pola falta de entendemento.

Todas as persoas temos a mesma dignidade e as nosas opcións merecen o mesmo respecto, emporiso, endexamais debemos perder a capacidade de recoñecer a autoridade do que expón a súa verdade con coherencia. Así dicimos que algo resulta obvio ou que certos argumentos son  contundentes. Verdades irrefutables que deberiamos facer nosas. Isto de levar ata ultimas consecuencias a miña verdade, desoíndo alternativas ou desbotando modificacións, deixa entrever ata que punto carecemos de criterio caendo presa do egoísmo atroz da “suciedade” destes tempos.

Xa non sei que máis dicir. Mesturamos verdade con opinión, verdade con ideoloxía, verdade con tendencias ou modas de vangardas. A verdade non ten máis cun camiño. O camiño ancho polo que transitamos todos e que conduce á realización natural, persoal e colectiva. A verdade descubre a esencia do que somos e lévanos cara a plenitude da realización. Verdade soamente existe unha. Ninguén posúe a capacidade de abarcala por completo, accedemos a unha pequena parte dela.

"Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da terra, á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo, está por riba de todos... Quen cre no Fillo, ten vida eterna..."

A verdade absoluta? Xesús é esa verdade. Achegarse a El é descubrir a Verdade, unirse a El e permanecer na Verdade, esperar nel é realizarse na Verdade. “Quen ven de arriba está por riba de todos” enténdese aquelo que supera as nosas razóns particulares. O de arriba ampara e dirixe o de abaixo, o mesmo ceo que delimita o horizonte da terra representa a súa plenitude.

Aceptar o seu testemuño pasa por introducir as correccións precisas no programa  do ordenador persoal para non quedar bloqueados nas nosas medias verdades. Canto costa sacrificar as seguridades persoais! O concepto del “non finito” que define as obras do gran Michelangelo Buonarroti podémolo empregar á hora de describir a nosa personalidade. Neste senso eu definiría á persoa como unha alegoría da verdade. Persoa en crecemento continuo, obra inacabada pero chamada á perfección.

O que cre ao Fillo acada a perfección (vida eterna).

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Roldan na miña cabeza recordos moi agradables de conversas con persoas especiais.
Nada está previsto, todo vai xurdindo espontaneamente. O saúdo pertinente, un paseo, un xantar, unha viaxe en coche, unha cea, un algo casual que depara o ambiente ideal para falar.
Imaxinade un encontro con alguén querido. Estades rodeados de calma e liberados de presas e preocupacións. O tempo párase e flúe a comunicación. Atopastes un refuxio para gardarvos das responsabilidades cotiás. Namentres charlades prodúcese un punto de identificación mutua, de complicidade. Ora aledádesvos ora contristádesvos. Corazóns ardendo en contacto coa vida e avivados polo vento do espírito. Rodeados de empatía. As palabras, cargadas de profundidade, estoupan dentro dun liberando agrado, satisfacción, euforia. É a maxia da amizade. Tes un amigo que garda a túa alma e que te ama, un álter ego.
Xa me tarda desfrutar da compañía dos meus amigos (dos que me aman). Esquecerme de todo e... amar.
“Dille Xesús a Nicodemo: É necesario que vós nazades de novo. O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito. Replicoulle Nicodemo: Como se pode facer isto? Respondeulle Xesús...
Ábrese a porta. Dous amigos conversan. Falan desde dentro. Comunican cadansúas experiencias. Revelan segredos. Quedan asuntos abertos, complexos e arrevesados. Tratan de Deus e da fe. Hai vontade para crer pero o pensamento ten as súas rutinas. Ábreselles a boca por contaxio. Dous homes presos polo vencello da intuición e da benquerenza.
O espírito sopra e fai medrar a amizade. A fe nace de novo nos seus corazóns.
Nas postremeiras memorias Nicodemo describirá aquela noite como reveladora, o inicio do segundo nacemento.
Crea un ambiente onde te sintas a gusto e fala con El.
Ama sempre e desfruta!
#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa