Unha camiseta de raias azuis, estilo gondoleiro, e uns pantalóns de vestir de cor gris. As celebracións de Semana Santa eran as máis concorridas, os veciños da parroquia acudíamos ataviados cas mellores galas. Que gusto ir de estrea! Fai poucas décadas non existían os centros comerciais e os días de mercar roupa eran contados no calendario: unha voda, a comuñón, un funeral e, por suposto, por Semana Santa. Podo recrear ao detalle a habitación que facía de camerino para eses retoques finais de peite e colonia. Nunha das contras da fiestra penduraba un espello. Cerca do espello aparafusado na parede un enchufe para o ferro ou para o secador do pelo. O armario de castaño de tres corpos cun espello biselado e un pouco escunchado na porta central. Aquel cuarto, irregular no plano e desordenado, tamén facía de taller de calceta e costura. Teño fresco o recordo de mamá acicalándonos e meténdonos presa para chegar á misa. Axiña, que xa o cura está tocando a campá!

Á saída da casa presas e nervios. Durante o camiño saúdos e axustes de hora. Á chegada á igrexa respirábase olor a parroquia en festa, a incenso, con ramallos e moitas candeas.

Ano tras ano rememoro aquelas vivencias do pasado e estraño as súas xentes e os seus costumes.

“Cristo Xesús, con ser de condición divina, non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus; senón que se espiu do seu rango.”

Que este andazo nos axude a baixar da peaña soberbiosa e nos volvamos humanos. A Semana Santa é unha lección de humildade. O Mestre ensínanos que abaixándose para axudar a pequenos e pobres convertémonos en mulleres e homes grandes.

Grazas a todos os que me axudastes ao longo da miña vida.

Como pagar todo o ben recibido?

Xesús, manso e humilde, intercede por nós.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Cando toca respirar ambientes protocolarios síntome un chisco incómodo. No de todos os días manéxome con certa soltura. Confeso que me gusta o sinxelo, expresarme libremente, dicir e facer o que considero adecuado a marxe de convencionalismos. Estou nunha etapa da vida na que as murmuracións danme igual e a aprobación ou rexeitamento da xente non me afecta.

Descubro lamentablemente que un espectro amplo de individuos móvense en función do sol que máis quenta. Carecemos de ideas propias e guiámonos ás apalpadas tenteando o que outros din.  Non pensamos, reproducimos coma larapetas o que circula por aí. Nin as ideas nin os sentimentos son culpables pero si as manipulacións conscientes da realidade.

 “Algúns deles foron onda os fariseos, e contáronlle-lo que fixera Xesús. Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Sanedrín e dicían: Que imos facer?... Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira? En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus.”

Canto mal causan as malas linguas! Os mesquiños carecen de mundo interior e son sometidos pola tiranía do superficial. Andan ao axexo. Levan e traen contos. Fían mentiras. Escravos maledicentes. Dixomedíxomes.  Todos estes precipitaron o adeus do enviado do Amor, verbas ferintes que espetaron na cruz a alma dun home bo, do mesmo Fillo de Deus.

Encomezando a Semana Santa contemplemos o misterio da vida e falemos ben de Deus e dos homes. Uns días de relixión cara dentro, sen carapuchos e manifestacións públicas, que podemos aproveitar para retirar o manteo negro que cubre a fe e así quedarnos co máis puro. Días de aforrar ritos, procesións, xaculatorias, ornamentos e adornos varios, procesións... para desbaldir en caridade.

Viva o amor fraterno!

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

No extremo dun tubo de plástico colocamos un globo. A manobra pasa por estarricar o globo polo lado por onde se infla e axustalo ao contorno do tubo. Escollemos o proxectil. Ha de ser un obxecto pequeno con certo peso e tirando a redondo, por exemplo, un gran de millo. Accionase esta arma estarricando cara atrás a parte folgada do globo que, despois de soltala repentinamente, impulsará o elemento agochado dentro del.

Queda armada unha lea a disparos de grans de millo. Lume de fogueo para espelir o frío e quentar as cachas.

Tamén construímos arcos. As frechas con punta de arame de coroa de morto dábanlle unha potencia criminal. Algunha frecha cruzou os límites da nosa visión, disparos ao ceo que se perdían de vista... e moito ollo a ver onde cae!

Un dos aparellos máis imprevisibles e perigosos eran as fondas. Dúas cordas das que pendura unha goma en forma de leito. Este soporte, tipo berce, resulta ideal para pousar un proxectil, habitualmente un canto do río. Compre facer xirar o trebello a gran velocidade. Sae disparada a pedra cando se ceiba unha das cordas. A dificultade no manexo desta arma estriba na precisión do disparo. Grazas que as uralitas da eira do señor Victoriano non falan... estívolles ben por velenosas!

Luis de Barazón sumase as testemuñas que confirman o uso inconsciente e temerario que facíamos destes artefactos bélicos.

A certas horas e polos camiños afastados das casas non era moi aconsellable transitar. Coidado que ven fulano! E agachábamos a pólvora.

Poño a man no lume que non había mala intención.

Nos correntes non vos recomendo circular relaxados. Non sabemos onde está o perigo. Unha pedra que outra teño esquivado, e non de río.  Haivos suxeitos en liberdade certamente perigosos. Tiran a dar. Moito tino.

Cantas mentes cargadas de prexuízos e carraxe cara o diferente. Pupilas dilatadas que debuxan unha espiral falseando a realidade, e inutilizando a lóxica propia de quen está cordo. Dobramos o espiñazo para botar man dos insultos, calumnias, desprezos, burlas... e arrebolalas para danar a verdade ferinte do alleo que levanta bóchegas.

Que tristura causa a perda da convivencia pacífica! Lamento fondamente as consecuencias.

Por suposto, cabe o desacorde e debemos confrontar pareceres dende o respecto e a tolerancia. Dialogo en democracia, que falando enténdese a xente. Rescato tamén o lema fundacional da Unión Europea “Unida na diversidade”.

Xesús replicoulles: -Moitas boas obras fixen diante de vós de parte do meu Pai. Por cal delas me apedrades?

A pregunta que lanza Xesús contén un reproche molesto que pon ao descuberto a intención revirada dos acusadores. A ignorancia, incauta compañeira, ceiba sentenzas condenatorias omitindo as obras dos inocentes. Sinto unha dor profunda cando isto ocorre, cando un indio doutra tribo ou da propia che arrinca as plumas.

Quédome e súmome a esa cadea de obras que afloran no medio da adversidade. O compromiso non se queda nas palabras senón que se realiza nas obras, e as obras son a mellor defensa contra eses que denigran ao próximo.  Agora caio: “as palabras convencen e as obras arrastran”.

Non esquezas que da grandeza do corazón falan as obras.

E sentidiño que cabeza ten calquera.

Todos os xestos suman.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

Remexemos todas as estancias da casa. Tres persoas para baleirar armarios, alzadeiros ou librarías. Catro ou cinco días de traballo nos que iamos de sorpresa en sorpresa. Un recordo dunha viaxe, un encaixe feito a man, manteis, libros, mesmo un talón que gardo con agarimo:

BANCO DA FELICIDADE.

Páguese ao portador a cantidade de...

#trescentos sesenta e cinco días felices#

Con cargo a miña conta N.

 

Recoller as pertenzas dunha amiga ausente, vai ano e pico dende o seu pasamento, representa un asalto á súa intimidade e unha proba de confianza. Non quero que nada se perda, desexo valorar e custodiar toda esa regalía de xenerosidade. Grazas, permanecerás viva no meu íntimo.

O amor ten memoria e nela gárdanse os momentos máis significativos da vida: os pais e a familia, os momentos compartidos, proxectos realizados, alegría, medos, dificultades superadas, decepcións e fracasos, amizades, aspiracións, as dubidas e maila fe...

As paredes de todas as casas reproducen voces e ditos de onte. As verbas de distintas xeracións están metidas polas regañas das paredes, entre as pedras, nas fendas das táboas, nas escaleiras, nalgún cornecho, algunha no faiado e outras na cociña. Se falasen estas pedras! Tiven un mestre que, de feito, aprendeu o idioma das “pedriñas”, entendíaas e de cando en vez contaba algún segredo revelado por pezas anciáns e esculpidas.

A memoria das pedras e dos obxectos é un vestixio de inmortalidade. Unha proba de que non se desintegra o noso ser. Unha chamada a respectar e a camiñar na compaña dos nosos devanceiros.  Toca aguzar oído e ampliar memoria. Cuestión de sensibilidade.

“Deus díxolle a Abraham:  Gardarás a miña alianza, ti e mailos teus descendentes, polas xeracións vindeiras.”

Facemos memoria de Abraham e descubrimos o valor da alianza, da palabra con peso, cicelada na pedra e que sempre se cumpre.

 “Con toda verdade volo aseguro: quen fai caso da miña palabra, non morrerá endexamais.”

As de Xesús non son palabras que leva o vento senón Palabra que se vive. Unha promesa con palabras novas que falan de salvación. Para entender a Xesús hai que falar a lingua da caridade, da oración e da fe.

Non perdamos a cabeza! Lembra o importante!

Fala, Señor! Eu entendo. E ti?

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Liberdade!

Aquel berro traspasou os meus oídos e fixo tremer até os miolos da miña sensibilidade. William Wallace, triturado pola dor e no derradeiro alento, lanzou un bramido atronador. A algarabía do macabro público, que agardaba do reo unha súplica de clemencia, mudou en silencio e todos desapareceron do redor do cadafalso.  Liberdade!

O caudillo escocés combateu a tiranía e inspirou a moitos compatriotas a rexeitar o asoballamento inglés. “Viñestes a loitar como homes libres. E homes libres sodes!. Que fariades sen liberdade? Loitaredes?.” Morreu o soldado no combate sen darlle as costas aos perigos e arriscando a propia vida.

Fazañas que perduran na memoria dos tempos e serven de estimulo para rescatar os valores máis sublimes que repousan no corazón da raza humana.

Nacemos libres e iguais e no gran exercito da  humanidade combatemos   fraternalmente na defensa dos dereitos fundamentais. A liberdade conquístase cando actuamos despois de valorar responsablemente diversas posibilidades. Ser libre non é estomballarse posuído pola cachaza. Quen usa da indiferenza ou da apatía cos problemas sociais tampouco é libre.  Nugallán un, merdento outro. Falemos de liberdade cando vexamos xente como Deus manda, responsables e comprometidos. Ir de virachaquetas, hoxe dicir unha cousa e mañá outra, non o consideramos maduro. Pandeireteiros e bailanacribas a esgalla que non homes e mulleres libres. Desertores cagarolas, traidores infieis da disciplina e da convivencia.

Por fortuna o modelo social que consentía a escravitude e infrinxía castigos físicos e psíquicos está en extinción.

Pero, somos libres? Palpamos e cortamos os fíos delgadiños que inutilizan a nosa conciencia e nos arredan do ben común e da realización persoal?

Coas portas atrancadas das nosas fortalezas batallamos pola liberdade. Si,  libres no cativerio porque cumprimos o concordado. Fidalgos fieis que se realizan na procura do seu ideal, asumindo todo tipo de renuncias.

“Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus. Coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres. E se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade.”

Firmeza e convencemento para imitar o exemplo de aquel que posuído polo amor loitou e morreu pola salvación da humanidade.

Seguireite e loitarei con valentía.

Seguireite a Ti, meu Irmán, meu Capitán, meu Señor.

Por Ti e por todos.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa