Os famosos e os ricos están en boca de todos, eles marcan tendencia, fan que pareza real iso que todos nos imaxinamos dunha vida plena e feliz. Dúas amiguiñas ben levadas que atenden ao nome de fama e riqueza, unha chama pola outra e de cote andan agarradas da man. Ben levadiñas ambas até que un terceiro en discordia aparece e todo salta polos aires. Dona ruína, nin fermosa nin astuta, racha o idilio e a harmonía. Oín falar doutras mozas pero non quero perderme en leas de saias.

O primeiro mundo, medido polos máis altos estándares de vida e pola distribución das riquezas, necesita exemplos de ricos xenerosos, xente podente que estimule a xenerosidade, que se coloque na mira das nosas escopetas que apuntan moi alto. De paso aproveitamos para xustificar este sistema que reparte unha para eles e o resto para min. Grazas a todos os que teñen e queren, e tamén grazas aos que tan só queren.

Banais resultan as cousas pequenas, vulgar o que pasa desapercibido, inútiles os detalles insignificantes, intranscendentes as accións cotiás de moreas de mulleres e homes que loitan polo ben. Lembra: querer é poder. A suma ten moitos díxitos, tantos coma o número dos que empurran un chisco para saír cara adiante. O mérito é do panadeiro, do que limpa, do transportista, do mestre, do soldado, da xente do campo e do mar, dos sanitarios… Ningún busca a fama e, non obstante, acadan o noso recoñecemento, e tampouco pretenden riquezas porque de por si xa son ricos. As achegas, cuantiosas ou escasas, dan testemuño de solidariedade, e de amor.

" As obras que fago dan testemuño de min: esas obras din que o Pai foi quen me enviou.…"

El pasa desapercibido, non fala mal de ninguén, os seus bens non cotizan nas bolsas dos ricos, e a súa gloria está no ceo. El, Xesús, deu o testemuño perfecto que conxuga palabra e vida que nos fala dun Deus que se entrega totalmente polos seus.

Que acumula máis valor: unha mascara para a faciana ou unha oración? Dependerá da urxencia. Daquela eu quedo ca oración.

Señor, que o noso testemuño fale do teu amor.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Anunciación

Máis que ao coronavirus témolle a un apagamento total que impida o acceso a internet. Que sería da poboación mundial de interromperse esa maraña de relacións virtuais? Podo imaxinar os gabinetes psiquiátricos  colapsados e sen capacidade para remediar os efectos de tal desfeita: meniños con perrenchas, adolescentes sen uñas e adultos tocados na súa benquerenza emocional. Estes días de reclusión forzosa boto conta de que unha horiña ou dúas andamos co trebello na man, e sabédelo! Se cadra abusamos das chamadas TICS pero as almas solitarias agradecemos sentir a presenza virtual doutros seres humanos. Iso si, cando superemos esta crise a guindar os móbiles para abrazar e bicar coma a xente.

Alguén anda por aí e non o ves, está á espreita desexoso de comunicarse contigo: «Alédate!, chea de graza, o Señor está contigo. Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel”. Antonte souben o efecto de sorpresa e alegría que causa unha chamada inesperada. O destinatario distraído nas angueiras da casa pasa da estrañeza a ledicia e adoece por satisfacer a quen está do outro lado e chama. A mociña de Nazaret tampouco contaba coa presenza do espírito celestial.

“Non teñas medo, o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles”. María non manexaba trebellos sen fíos pero tiña datos ilimitados para conectar con Deus. Hoxe atrévome a facervos unha recomendación: que non se deteña a comunicación con Deus. Amigos, nestes tempos contaminados, protexámonos dun contaxio perigoso con síntomas de insensibilidade espiritual, e conectemos entre nós para non esmorecer e manter a cobertura.

Deus en María deunos o contrasinal para permanecer por sempre conectados.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

A casa na que nacín erguese á beira dunha estrada que comunica Betanzos coa Agolada, C-540. Os contados coches que transitaban por ela non facían tanto ruído coma a fonte que abrollaba á outra beira da calzada. A fonte de Chorén apreciada e taxada polos veciños da aldea e da bisbarra, tamén coñecida entre os choferes do Pereira e os viaxantes que repoñían as mercadorías no ultramarinos “Do Zapateiro”, por lembrar algúns. Alfredo, o zapateiro, que non bebera nin gota de auga na súa vida, repetía “quen bebe desta fonte morre seguro”. Dou fe que foron morrendo os que dela beberon… eu tamén apaguei nela a miña sede. Ao pe da pía que recollía un chorro flutuante descubrín como bican as vacas ou lamben os cans para facerse co líquido elemento. Ás veces que levei un balde para abastecer á casa! Auga da fonte para beber ou cociñar, para lavarse ou limpar, para xogar… O seu murmurio tenro e continuo era coma a compaña dun vello amigo.

Disque algunhas augas posúen propiedades únicas beneficiosas para o corpo e para o espírito. Hoxe faláronme dun manancial que segundo vai correndo empapa toda a contorna de vida “todo medra e florece, crece toda clase de árbores froiteiras; non se murcharán as súas follas nin se acabarán os seus froitos; darán novos froitos cada mes, porque as augas flúen do santuario; o seu froito será comestible e as súas follas medicinais».

E despois contaron dunha piscina que cura a enfermidade “Hai en Xerusalén, xunto á Porta das Ovellas, unha piscina que chaman en hebreo Betesda. Esta ten cinco soportais, e alí estaban botados moitos enfermos, cegos, coxos, paralíticos”. Eu lembreime dun home que tiña a capacidade de transformar a vida, seica “o chafariz de auga que salta ata a vida eterna”.

Coma rabdomantes busquemos dilixentes as augas fondas da fe para mergullarnos na vida con ilusión e esperanza.

O enfermo dixo: foi Xesús quen me curou!

Unha oración polos sedentos de saúde.


#QuedaNaCasa
#RezaNaCasa

 

Onte pola noite botei unha risada cavilando na vida que todos levamos dende hai unha semana: afastados dos lugares de traballo, mutilados para o deporte e sen posibilidade de deambular ao noso antollo. Millóns de seres humanos retirados do estrés e barullo cotiás e, de súpeto, aí estamos, atravesando a porta dos nosos domicilios para mergullarnos nunha atmosfera de retiro espiritual. Quen organizou esta leria? Os exercicios espirituais aparecen no transcurso da vida providencialmente, a procedencia da invitación tanto ten.